Publicador de contidos

Publicador de contidos

Os EUA anuncian a segunda fase do seu plan para Gaza, que inclúe un goberno tecnócrata

Os EUA anuncian a segunda fase do seu plan para Gaza, que inclúe un goberno tecnócrata

A fase contempla a desmilitarización do enclave palestino

No Goberno non terá presenza Hamas, ao que lle esixirán a entrega do último refén falecido

Reuters Reuters
G24.gal 14/01/2026 18:42

Os Estados Unidos anunciaron este mércores o inicio da segunda fase do plan de paz do presidente Donald Trump para A Franxa de Gaza, que contempla a desmilitarización do enclave palestino e o establecemento dun goberno tecnócrata sen presenza de Hamas.

"Hoxe, en nome do Presidente Trump, anunciamos o lanzamento da fase dúas do plan de 20 puntos do presidente para poñer fin ao conflito de Gaza, pasando do cesamento do fogo á desmilitarización, á gobernanza tecnocrática e á reconstrución", declarou en redes sociais Steve Witkoff, emisario especial do mandatario estadounidense.

Witkoff, negociador do plan, explicou que esta fase prevé a creación dun goberno palestino tecnócrata de transición, denominado Comité Nacional para a Administración de Gaza, así como a desmilitarización e reconstrución total do enclave, ademais do desarmamento de todo o persoal non autorizado.

"Os Estados Unidos esperan que Hamas cumpra plenamente coas súas obrigacións, incluído o retorno inmediato do último refén falecido. De non facelo, as consecuencias serán graves", advertiu.

A primeira fase do plan, iniciada en outubro, incluía a implementación dun cesamento do fogo, a liberación de todos os reféns en mans de Hamas e a entrada de axuda humanitaria na Franxa. Con todo, os ataques israelís causaron a morte de centenares de palestinos e Hamas aínda non entregou os restos dun secuestrado falecido.

Witkoff dixo na súa mensaxe que esa primeira fase permitiu a entrega de "axuda humanitaria histórica", mantivo o cesamento do fogo e facilitou o retorno de todos os reféns vivos e de 27 dos 28 falecidos. O emisario de Trump agradeceu a Exipto, Turquía e Qatar o seu papel de mediadores entre Israel e Hamas.

Ata o de agora, os Estados Unidos non anunciaron a composición do goberno de transición para Gaza, que deberá estar supervisado por unha Xunta de Paz presidida polo propio Trump.

Un dos puntos máis delicados desta segunda fase é o desarmamento de Hamas. En decembro, o secretario de Estado dos Estados Unidos, Marco Rubio, sinalou que este desarmamento podería ser parcial e non necesariamente total, sempre que o grupo islamita palestino quede incapacitado para atacar a Israel no futuro.

O balance de persoas asasinadas na Franxa de Gaza supera os 71.000, mentres que os feridos ascenden a máis de 171.000 desde o 7 de outubro de 2023, segundo cifras do Ministerio de Sanidade gazatí. Ese día comezou a actual ofensiva de Israel, tras o ataque de Hamas no que se calcula que morreron máis de 1.200 persoas.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade