Os concelleiros de Santiago expulsados do PSOE presentaranse ás eleccións de 2027
Mercedes Rosón será quen lidere a candidatura, da que aínda está por decidir o nome e a fórmula baixo a que concorrerán
Os concelleiros non adscritos do Concello de Santiago, que foron expulsados do PSOE hai case dous anos, concorrerán xuntos ás eleccións municipais de 2027 cunha candidatura propia coa que competirán cos seus excompañeiros de filas.
Así o confirmaron esta mañá os catro concelleiros expulsados -Mercedes Rosón, Gonzalo Muíños, Mila Castro e Marta Álvarez- que avanzaron que será Rosón a candidata á Alcaldía, aínda que non decidiron a fórmula nin o nome baixo o que concorrerán.
A aspirante á Alcaldía asegurou que concorren cun proxecto “libre, progresista, unido e centrado en Santiago, nas cousas que importan, na xente” e que vaia máis aló das “manobras” dos partidos tradicionais.
“Nós somos máis de Santiago que de partido”, expuxo a exconcelleira do PSOE, que lembrou que foron expulsados do partido debido a unha “purga política por ser leais co noso votante”.
Rosón mostrouse convencida deste paso despois de "escoitar e ver o rumbo que está a tomar a nosa cidade” e ante o que “non podemos quedar na bancada da comodidade”.
O anuncio tivo lugar nunha data simbólica para os edís, xa que este mércores fai dous anos do detonante da súa expulsión do PSOE, xa que os catro concelleiros desobedeceron a directriz do partido na votación sobre a regulación das vivendas de uso turístico.
Daquela o PSOE quedou só con dous edís na capital galega.
Na súa quenda, Muíños expuxo a necesidade dun cambio na corporación para poñer fin a unha etapa “de crispación” en que determinados partidos evidenciaron que “importan máis as siglas que o Concello”.
Ao seu entender, o actual mandato foi “regular”, xa que aínda que o Goberno chegou “con moitas expectativas”, finalmente “despois das promesas chegaron as decepcións”, cun equipo cuxa xestión foi “deficiente” e cunha oposición “desleal” tanto por parte do PP como do PSOE.
Mila Castro explicou que este paso adiante obedece á preocupación que senten pola cidade, porque “nos doe Santiago” o mesmo que aos moitos veciños que, segundo relatou, os paran pola rúa para animalos a concorrer ás eleccións.
Marta Álvarez asegurou que a decisión adoptada é “moi meditada” tras unha época en que comprobaron que é prioritario gobernar “tendo en conta os cidadáns” e non a “Génova, a Ferraz ou a UPG”.
O PSdeG réstalle importancia: "Non é nada novo"
A secretaria de organización do PSdeG, Lara Méndez, restou importancia a que os concelleiros expulsados do PSOE de Santiago vaian concorrer ás eleccións municipais de 2027 e remarcou que “non é nada novo” xa que en moitos concellos “preséntanse candidaturas independentes”.
“Non entramos a valorar que outras candidaturas se presenten. É lícito e lexítimo”, esgrimiu a socialista.
Neste sentido, lembrou que o PSdeG concorrerá ás eleccións en Santiago de Compostela “cun proxecto e modelo de cidade” para que a capital galega "siga crecendo e siga sendo referente”.
Pola súa banda, a deputada do PSdeG Patricia Iglesias deixou no aire a posibilidade de que ela mesma dea o paso para ser a candidata do partido aos comicios e dixo que quere ser “respectuosa” co proceso de primarias que se abrirá.
En todo caso, sinalou que na agrupación de Santiago hai “compañeiros moi válidos” para concorrer como aspirante á Alcaldía da capital galega onde cre que haberá “un alcalde socialista”.