Publicador de contidos

Publicador de contidos

Os centros de primaria recibirán 55.000 tests de saliva esta semana

Os centros de primaria recibirán 55.000 tests de saliva esta semana

A Xunta repartirá de balde as probas como medida de prevención fronte á covid

Tras o Nadal, rexistráronse preto de 10.000 positivos na comunidade educativa

G24.gal 15/01/2022 15:54

A partir deste luns comezarán a repartirse nos centros galegos de educación primaria 55.000 tests de saliva. O obxectivo desta medida é incrementar a vixilancia no ámbito educativo, segundo dixo o conselleiro de Educación, Román Rodríguez, durante unha visita ao museo Massó de Bueu.

"Comezaremos de xeito inmediato a semana que vén porque o que queremos é reforzar a confianza. Afortunadamente e pese á difícil situación, a inmensa maioría das familias demostraron e demostran confianza no sistema educativo como un elemento que ten capacidade para reducir ou minimizar o impacto desta pandemia."

Un total de 37.500 repartiranse directamente e empregaranse na aparición de contaxios esporádicos. No caso dun gromo, intervirá a Dirección Xeral de Saúde Pública.

As 17.500 probas restantes estarán na plataforma loxística do Sergas e subministraranse aos centros que o soliciten, cando se detecte un positivo na aula.

As probas realizaranse no domicilio do menor baixo a supervisión dun proxenitor ou responsable. Só se comunicarán os casos positivos, que deberán notificarse ben a través da páxina web do coronavirus ou ben por teléfono. 

Dende que comezou o curso tras as vacacións do Nadal, pecháronse en Galicia un total de once aulas, o que supón o 0,13 % da incidencia. No que se refire a casos activos, son un total de 10.000 en toda a comunidade educativa.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade