Publicador de contidos

Publicador de contidos

Buratos feitos no monte por unha empresa eólica poñen en perigo a Rapa das Bestas de Sabucedo

Buratos feitos no monte por unha empresa eólica poñen en perigo a Rapa das Bestas de Sabucedo

A Asociación Rapa das Bestas de Sabucedo denuncia que están situados na ruta de baixada dos cabalos e poderían poñer en perigo animais e veciños

Aínda que a empresa se comprometeu a tapalos 15 días antes da rapa, os buratos seguen abertos a unha semana vista da gran festa de Sabucedo

G24.gal 29/06/2023 15:08

A Asociación da Rapa das Bestas de Sabucedo denuncia a aparición duns buratos no monte que cualifican de auténticas trampas para os seus cabalos. Trátase de catas solicitadas pola empresa Enel Green Power, que vai instalar un macroparque eólico nos montes de Sabucedo.

Os buratos, algún deles de case metro e medio de profundidade, foron feitos para ver se había algún resto arqueolóxico na zona, e quedaron destapados, con só unha malla plástica rodeando o perímetro.

Os veciños de Sabucedo consideran que xa son perigosos para os cabalos que pasan o ano no monte, pero é que ademais están localizados en plena ruta das que se empregan para baixar as bestas o día da rapa, polo que o risco se multiplica para persoas e para cabalos, que baixan en mandas difíciles de controlar, como sinala Ibán Pizano, da Asociación Rapa das Bestas de Sabucedo: "é moi perigoso tal e como están estes buratos sen tapar, mal acoutados e sen medida de seguridade ningunha. Pode caer calquera persoa, pode caer un cabalo cun xinete e haber unha desfeita".

Segundo a asociación, a empresa comprometérase cos comuneiros a tapar os buratos quince días antes da festa e mantelos tapados outros 15 días despois, pero a unha semana vista da rapa seguen sen cubrir.

A Rapa das Bestas de Sabucedo, que se celebrará do 7 ao 9 de xullo, é a máis popular e multitudinaria de Galicia. Desde a Asociación da Rapa das Bestas solicitan unha solución xa para non poñer en perigo esta milenaria tradición.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade