Expertos en comercio internacional abordan os aranceis dos EUA nunha xornada en Santiago
O presidente do Grupo Arola di que Europa está nun punto de inflexión para recuperar autonomía enerxética, industrial e militar
O presidente da CEG, pide evitar dinámicas proteccionistas e considera mellorable o decreto arancelario do Goberno
Expertos en comercio internacional téñeno claro: "Os produtos europeos non van poder evitar un arancel mínimo do 10 por cento", di o Alejandro Arola, o presidente do Grupo Arola.
Pero están convencidos de que este problema se pode converter nunha oportunidade para Europa. De momento, di, "reaccionou de maneira axeitada". Alejandro Arola avoga por unir forzas para recuperar autonomía militar, enerxética e industrial, e deixar de lado a dependencia dos Estados Unidos, Rusia e A China.
A recomendación ás empresas é clara: mirar cara a outros mercados, sobre todo o Mercosur, pero sen recoller velas nos Estados Unidos. Sostén que o mercado americano "é un mercado moi competitivo e moi difícil de acceder, o esforzo das empresas é enorme, polo que vale a pena agardar a ver como evolucionan as cousas. Os Estados Unidos son insubstituíbles tanto pola magnitude coma polo seu alto poder adquisitivo".
Alejandro Arola participou en Santiago nunha xornada de negocio internacional en que se abordou a problemática arancelaria no contexto xeopolítico actual. Celebrouse na sede da Confederación de Empresarios de Galicia e nela tamén participou o seu presidente, Juan Manuel Vieites e representantes do Banco Sabadell Gallego.
O presidente da CEG, reclama evitar as dinámicas proteccionistas e considera mellorable o decreto arancelario do Goberno. Explicou que "as pemes galegas demostraron unha resiliencia extraordinaria en crises pasadas. Pero é certo que a súa marxe de manobra é menor que o das grandes multinacionais. Por iso é esencial que haxa acompañamento público en forma de liquidez, fiscalidade adaptada e apoio na diversificación de mercados".
As exportacións galegas aos Estados Unidos manteñen unha tendencia crecente. Nos últimos cinco anos experimentaron un crecemento do 37 por cento. Son principalmente produtos agroaliementarios, tecnolóxicos e industriais.