Publicador de contidos
Publicador de contidos

Oriol Junqueras mantén vivo o 'procés': "A sociedade catalá debe decidir o seu futuro votando"

Oriol Junqueras mantén vivo o 'procés': "A sociedade catalá debe decidir o seu futuro votando"

O presidente de Esquerra Republicana incidiu en que o referendo non é un delito

Asegurou que o ideal é unha convivencia pacífica entre España e Cataluña porque iso sería bo para todas as partes

G24.gal 21/12/2022 20:35 Última actualización 21/12/2022 21:33

Oriol Junqueras mantén vivo o procés, como confirmou este venres nunha entrevista concedida á TVG. O presidente de Esquerra Republicana asegurou que o seu partido é demócrata e que por iso traballan para que todo se resolva de xeito democrático coa negociación política. Tamén incidiu en que o referendo non é un delito.

"Pensamos que a negociación política é unha boa ferramenta para resolver os conflitos políticos e estamos convencidos que a mellor maneira de resolvelo é dando voz á cidadanía e polo tanto seguimos defendendo que a sociedade catalá poida decidir o seu futuro votando", explicou Oriol Junqueras.

Aproveitou para lembrar que todas as democracias occidentais resolven os seus conflitos votando cun referendo como aconteceu con Escocia e Irlanda respecto ao Reino Unido, o mesmo camiño de Noruega respecto a Suecia, de Islandia respecto a Dinamarca ou mesma dirección que se tomou en Quebec.

Junqueras afirmou con rotundidade que non poden renunciar ao referendo e recorda a posición de organismos internacionais coma a Comisión de Dereitos Humanos das Nacións Unidas ou a Asemblea Parlamentaria do Consello de Europa que avalan a defensa da fin da política represiva e a defensa da vontade de negociación. 

Ante a pregunta de se pensa que hai feridas na sociedade de Cataluña tras o procés deixa claro a súa postura argumentando que as que existen foron provocadas pola "inxusta represión".

"Eu penso que a sociedade catalá está a favor da fin da represión nun 80 por cento, segundo as enquisas, a favor da negociación efectiva e tamén do referendo. Eu penso que as feridas que hai foron motivadas pola inxusta represión" comentou o presidente de Esquerra.

Junqueras recordou que en canto a sociedades divididas tamén "hai que falar de España", en referencia á polémica que deixa nas Cortes a decisión do Tribunal Constitucional de paralizar a reforma do Poder Xudicial. 

Entrevista de Oriol Junqueras para a TVG Entrevista de Oriol Junqueras para a TVG

Asegurou que o independentismo quere que a España lle vaia o mellor posible, e que "sería razoable esperar que a sociedade española pense o mesmo respecto á catalá" porque se a túa contorna funciona ben, iso será bo para todos.

"O que queremos é ter a mellor relación con España e para iso ten que ser unha relación de igual a igual como acontece con Noruega e Suecia ou con Islandia e Dinamarca. Polo feito de que un país se consolide como Estado independente non ten que haber mala convivencia" explicaba Oriol Junqueras na entrevista.

Finalizou recordando que eles "pagaron un alto peaxe por defender principios democráticos e por defender o dereito ao voto dos cidadáns" e que só coa intervención de organismos internacionais se lograron corrixir as medidas que levaron á "inxusta prisión", segundo valorou o Comité de Dereitos Humanos da ONU. 

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade