Publicador de contidos

Publicador de contidos

José Gómez Rial afirma que, coa ómicron, "parece que hai unha saída ao túnel"

José Gómez Rial afirma que, coa ómicron, "parece que hai unha saída ao túnel"

O xefe do laboratorio de inmunoxenética do CHUS afirmou na Radio Galega que a variante ómicron, xunto coa vacinación, podería estar converténdose nun patóxeno con que poderemos convivir, coma a gripe común

G24.gal 31/12/2021 09:40

O xefe do laboratorio de inmunoxenética do CHUS, José Gómez Rial, di que poderiamos estar ao final do túnel da pandemia do coronavirus.

Segundo explicou no 'Galicia por diante', a variante ómicron, xunto coa vacinación, podería estar converténdose nun patóxeno con que poderemos convivir, coma a gripe común.

"Eu son optimista. Parece que hai unha saída no túnel. Estamos ante unha variante que é moito máis contaxiosa pero que produce menos cadros de enfermidade. Non ten a mortaldade asociada ás primeiras ondas. Pode ser a evolución natural do virus".

"Está empuxando o virus a que se adapte ao ser humano e que poida convivir, que se volva un virus endémico que conviva ou se adapte ao ser humano e que se converta nun virus respiratorio coma o virus da gripe ou o catarral".

Gómez Rial tamén indicou que é "arriscado" rebaixar o tempo de corentena de dez días a sete.

"Esta medida é unha arriscada desde o punto de vista científico porque non hai que esquecer que ómicron, aínda que parece que agora é a variante maioritaria, aínda circula a variante delta e realmente ten outros períodos de incubación".

"É unha medida máis ben económica que científica, pero tamén entendo que hai que buscar un equilibrio. Realmente temos que preguntar, co alto nivel de transmisión que temos agora mesmo de coronavirus, se somos moi estritos coas medidas, quen vai traballar nos próximos días no noso país?".

En calquera caso, ao remate deses sete días, recomenda facer unha proba de antíxenos, aínda que "agora mesmo hai un problema de dispoñibilidade", di Gómez Rial, por un mal uso previo ao Nadal, cando a xente facía a proba só "para ir a ceas, nun uso esaxerado".

Gómez Rial insiste "nunha medida que non se insistiu abondo desde as autoridades sanitarias", que é a ventilación.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Pódeche interesar

Publicador de contidos