Dinamarca anuncia un grupo de traballo cos EUA para abordar as “discrepancias” sobre Groenlandia
Dinamarca anuncia o reforzo da presenza militar en Groenlandia xunto con aliados da OTAN
Trump asegura que con Groenlandia "en mans dos EUA" a OTAN será máis eficaz
Alemaña enviará efectivos a Groenlandia para explorar a posibilidade dunha cooperación militar
Dinamarca anunciou este mércores a creación dun grupo de traballo cos Estados Unidos para abordar as “discrepancias” entre ambos os países sobre o futuro de Groenlandia, tras a reunión dos ministros de Exteriores danés e groenlandesa en Washington co vicepresidente estadounidense, JD Vance.
"Decidimos formar un grupo de traballo ao máis alto nivel para explorar se podemos atopar unha saída común. O grupo, na nosa opinión, debería centrarse en como responder ás preocupacións norteamericanas sobre seguridade e ao mesmo tempo respectando as liñas vermellas do reino de Dinamarca. Esperamos que este grupo se reúna por primeira vez en cuestión de semanas", dixo o ministro danés
O vicepresidente e o secretario de Estado dos EUA, JD Vance e Marco Rubio, e os titulares de Exteriores de Dinamarca e Groenlandia, Lars Løkke Rasmussen e Vivian Motzfeldt, mantiveron este mércores unha reunión na Casa Branca que durou uns 50 minutos e que xirou arredor dos persistentes desexos de Washington de anexionar a illa ártica dependente da coroa danesa.
Tras a reunión os ministros de exteriores de Dinamarca e Groenlandia confirmaron que as posturas entre ambas partes seguen sendo discrepantes.
Os daneses, porén, manteñen aberto o diálogo para evitar unha ocupación dos Estados Unidos en Groenlandia.
Ambas partes formaron un grupo de traballo para buscar medidas que garantan a defensa de Groenlandia e frear as preocupacións estadounidenses sobre a presenza de buques rusos e chineses na zona sen que iso implique cambiar a soberanía de Dinamarca sobre a illa ártica.
O encontro, solicitado polas autoridades danesas e groenlandesas, prodúcese nun contexto no que o presidente dos Estados Unidos, Donald Trump, intensificou a presión para tomar o control de Groenlandia, alegando intereses de seguridade nacional para o seu país.
Tanto o primeiro ministro de Groenlandia, Jens-Frederik Nielsen, como a primeira ministra danesa, Mette Frederiksen, rexeitaron a posibilidade de que os Estados Unidos se fagan coa illa, xa sexa mediante unha compra ou pola forza militar.
O Ministerio de Defensa de Dinamarca anunciou que, a partir deste mércores, aumentará a presenza militar e as manobras neste territorio autónomo danés, en colaboración cos seus aliados da OTAN, debido ao incremento das tensións no Ártico.
Varios países europeos, encabezados polo Reino Unido e Alemaña, informaron esta semana de que estudan a posibilidade de que a OTAN reforce a súa presenza na illa para disuadir as ameazas de Trump.