Irene deixa un regueiro de estragos e provoca ata unha manga mariña
O paso do remuíño causa importantes danos materiais nunha parroquia de Cambados
O temporal afástase, pero mantén o aviso laranxa na costa por mar combinado
"Aquí non se paraba, voou todo. Non eramos quen de arrimarnos ao tellado".
Así describe un veciño o paso dunha especie de tornado, suponse que unha manga mariña, na parroquia de Castrelo, en Cambados. Ocorreu contra o mediodía e en minutos levou por diante muros, tellas e todo o que atopou o remuíño ao tocar terra.
"Cando cheguei vin todo o muro, feito con pedras de 200 quilos, enriba da estrada", relata un dos afectados.
Avalían os danos, por sorte só materiais, en dez vivendas e unha nave industrial.
"Avanzou en liña cara ao monte onde levou por diante unha fila de piñeiros", explican no lugar.
Horas antes, de madrugada, o vento levantaba as suxeicións do tellado dunha vivenda unifamiliar de Monte Furado en Nigrán. Quedou completamente estragado e parte das pezas voaron lonxe. Algunhas foron parar a outras casas situadas a cen metros de distancia.
É é que o temporal Irene deixou refachos de ventos de case 150 quilómetros por hora en Ons e de 130 na Serra do Xistral e en Carballeda de Valdeorras. As caídas de árbores e os desprendementos en fachadas, como o dun balcón de vidro na rúa Barcelona de Santiago, repetíronse en moitos lugares de Galicia. Os bombeiros de Vigo retiraban este serán un cartel que quedou dobrado polo vento con risco de caer sobre a calzada.
O temporal Irene vaise afastando pero mantense o aviso laranxa no litoral para este xoves. A frota, amarrada. Outros gozando do espectáculo do mar bravo, como estes veciños de Tarragona en Muxia.
"Estamos en inverno e vimos buscando isto, alí estamos a 25 graos. Ver o mar bravo encántanos", explicaban os turistas.
Irene deixa tamén chuvias copiosas que contribuíron a incrementar aínda máis a enchente dos ríos. Foi un día de chuvia, vento, parques pechados, e sobre todo de moitos paraugas estragados.