O TSXG desestima o recurso contra a cidade deportiva do Celta

O Tribunal Superior de Xustiza de Galicia desestimou o recurso contencioso administrativo interposto pola Comunidade de Usuarios Petelos-Tameiga de Mos e a Comunidade de Montes Veciñais de Tameiga contra o acordo do pleno do Concello da localidade de aprobación definitiva do plan especial de infraestruturas e dotacións para a construción da cidade deportiva Afouteza por parte do Real Club Celta.
Na súa resolución, á que tivo acceso EFE, o alto tribunal sinala: "Non se aprecia motivo de nulidade do PEID impugnado, quedando garantida a suficiencia dos recursos hídricos para as demandas propias das instalacións previstas no PEID".
Contra esta sentencia pode interpoñerse recurso de casación diante da Sala Terceira do Tribunal Supremo ou da sala correspondente do TSXG, sempre que se acredite interese de casación. O dito recurso deberá de prepararse no prazo de 30 días, contando desde o seguinte ao da notificación da resolución contra a que se recorre.