O Supremo de Venezuela ordena a Delcy Rodríguez exercer como presidenta encargada
O Alto Tribunal di que quere garantir a continuidade na xestión e a integridade da nación tras o "secuestro" de Maduro
O Tribunal Supremo de Xustiza (TSX) de Venezuela ordenou este sábado que a vicepresidenta executiva, Delcy Rodríguez, asuma o poder como presidenta encargada, a primeira muller na historia do país suramericano en encabezar o Executivo, tras a captura do mandatario Nicolás Maduro por parte dos Estados Unidos, que atacou Caracas e outras zonas da nación petroleira durante a madrugada.
"Ordénase que a cidadá Delcy Eloína Rodríguez Gómez, vicepresidenta executiva da República, asuma e exerza en condición de encargada todas as atribucións, deberes e facultades inherentes ao cargo de presidente da República Bolivariana de Venezuela, co fin de garantir a continuidade administrativa e a defensa integral da nación", sinalou a presidenta da Sala Constitucional, Tania D´Amelio, ao ler un comunicado transmitido de forma obrigatoria en radio e televisión.
O máximo tribunal do país esixiu que Rodríguez, o consello de defensa da nación, o alto mando militar e o Parlamento, sexan notificados "de inmediato" desta decisión, sen precisar en canto tempo debe celebrarse a cerimonia de xuramento.
Para este luns, 5 de xaneiro, está prevista a instalación dun novo período lexislativo (2026-2031), dominado polo chavismo, institución na que se deben xuramentar o presidente e outros directivos dese poder.
O TSX indicou que tomou esta decisión tras o que considerou como "secuestro" de Maduro por parte de forzas militares estadounidenses e o seu posterior traslado a ese territorio, situación que cualificou de "excepcional, atípica e de forza maior non prevista literalmente na Constitución" venezolana.
O obxectivo, proseguiu, é garantir a continuidade administrativa do Estado e a defensa da nación, "sen que iso implique decidir de fondo sobre a cualificación xurídica definitiva da falta presidencial (temporal ou absoluta), nin substituír as competencias doutros órganos do Estado para realizar a devandita cualificación en procedementos posteriores".
Dacordo ao artigo 234 da Constitución venezolana, as faltas temporais ou absolutas do presidente serán suplidas polo vicepresidente executivo ata por 90 días, prorrogables por decisión do Parlamento polo mesmo período de tempo.
Se unha falta se prolonga por máis de 90 días consecutivos, reza o texto, o Lexislativo decidirá por maioría dos seus integrantes se debe considerarse que hai falta absoluta.
Expertos consultados por EFE sinalan que a Constitución actual, aprobada en 1999, apóiase na vicepresidencia executiva ante a ausencia do mandatario.
Nese sentido, contempla dous escenarios ante a falta dun presidente que xa asumiu o cargo, aínda que ningún deles se corresponde coa situación actual que, ademais, advirten os expertos, ocórrelle a un Goberno de lexitimidade cuestionada tras as presidenciais de 2024.
Este sábado, Rodríguez anunciou a activación do Consello de Defensa da Nación, que ela encabeza, e que enviou ao TSX o decreto de estado de conmoción exterior para que declarase a súa constitucionalidade e entre en vigor.
Entre as facultades deste consello están a de mobilizar á forza Armada Nacional Bolivariana en todo o territorio, tomar militarmente e de maneira inmediata a infraestrutura dos servizos públicos, así como da industria petroleira, para garantir o seu "pleno funcionamiento".