Tranquilidade e incerteza na comunidade venezolana en Galicia
Harold, venezolano residente en Ourense: "Cando o vin, gustoume"
As noticias veñen dos familiares e o temor a criticar o réxime segue vivo
"Cando o vin (a Maduro) preso, gustoume. A verdade é que me gustou, porque é o que un quere. Cando ocorre algo que está á marxe da lei, ti o que queres é xustiza", asegura Harold Montes, venezolano residente en Ourense.
A alegría do momento do arresto de Nicolás Maduro contrasta co pasado persoal de Harold, marcado, segundo conta, pola inseguridade e a represión.
"Todos os que viñemos tomamos unha decisión apresurada. Pasamos de estar tal día coma hoxe en Venezuela e aos dous días en Ourense. Sufrimos secuestros, disparos dentro de casa e moita inseguridade. Quen me secuestraba a min? A propia policía".
"A xornada de hoxe está a ser máis tranquila que a de onte, porque xa sabemos como foron os acontecementos e non houbo bombardeos esta noite. A familia está ben e tamén sabemos que non houbo baixas civís na intervención", asegura Lorenzo González, presidente da Asociación Alma Llanera.
A información que lles chega do país é a que lles contan os seus familiares, e o medo a compartir información en contra do réxime segue presente.
"A información chega a contagotas alá e transmitila é moi complicado. Hai moito medo en Venezuela de ter este tipo de información nos teléfonos móbiles porque a policía do réxime dedicouse a infundir eses temores. Párante na rúa, confíscanche o teléfono móbil e revisan a información que tes; se é en contra do Goberno, pódente arrestar ou multar", asegura Lorenzo.
A preocupación polo futuro domina todas as conversas. Lorenzo chama á cautela á hora de "celebrar una posible liberación".
"É o primeiro paso e moi importante? Por suposto que si. Onte houbo unha xuntanza de tres pesos pesados do partido e, nas súas declaracións, non dixeron que deixarían de apoiar o réxime de Maduro".