O Sergas axusta o sistema para xestionar as altas e baixas por covid–19 nun acto
Quedará a expensas do criterio médico a posibilidade de emitir de forma conxunta ou separada os partes de alta e de baixa

O Servizo Galego de Saúde está a traballar nuns últimos axustes para poder xestionar nun mesmo acto os partes de alta e baixa das incapacidades temporais provocadas polos contaxios da covid–19.
Así o dixo este luns en Vigo o conselleiro de Sanidade Julio García Comesaña, quen explicou que o Ministerio de Inclusión, Seguridade Social e Migracións deu o visto e prace a este sistema pero pediu que non se lle envíe a alta ata que pasen sete días desde a baixa.
Neste sentido, a administración galega traballa en modificar o seu sistema para que no momento de imprimir e enviar o parte de baixa por covid–19, o sistema almacene a alta, de modo que sete días despois a envíe automaticamente á Seguridade Social.
A Xunta xa iniciou as actuacións necesarias para que este procedemento estea dispoñible canto antes co obxectivo de alixeirar a carga de traballo do persoal facultativo do Sergas.
Ademais, segundo informa Sanidade nun comunicado, tamén habilitou a posibilidade de acceder desde as listas de traballo do sistema IANUS á listaxe de pacientes que contan con procesos de incapacidade temporal abertos pola covid–19, cando estes conten cunha duración de sete ou máis días.
Fai falta destacar que quedará sempre a expensas do criterio médico a posibilidade de emitir de forma conxunta, ou separada, os partes de alta e de baixa.
Entre as novidades en que traballa o Sergas, destaca tamén a dispoñibilidade de acceso e descarga dos partes de incapacidade temporal desde a aplicación E-Saúde.
Así mesmo, o Servizo Galego de Saúde habilitará nas próximas datas a posibilidade de que o persoal administrativo dos seus centros de saúde poida imprimir e facilitar os partes directamente aos pacientes.
Así, conseguirá que aquelas persoas que non teñan a posibilidade de acceder á aplicación E-saúde poidan obtelos dunha maneira áxil nos puntos administrativos dos centros sanitarios.
No momento en que estean completamente operativos estes cambios, a dirección xeral de Asistencia Sanitaria integraraos na próxima actualización do “Protocolo sobre detección e manexo de casos de infección activa polo virus SARS-CoV-2 en atención primaria e na abordaxe dos contactos estreitos”.