O PPdeG insta o PSOE e o BNG a opoñerse á nova lei de mobilidade sostible
A secretaria xeral do PPdeG, Paula Prado, instou este domingo os deputados no Congreso do PSOE e o BNG a opoñerse a tramitar a nova lei de mobilidade sostible impulsada polo Goberno central.
Fíxoo durante unha visita á localidade lucense de Guitiriz, unha das máis afectadas, indicou, pola revisión do mapa concesional de transporte por estrada que ultima o executivo central e que supoñería, denunciou, a eliminación de paradas de autobús de liñas estatais en vinte e dous concellos galegos.
Lugo sería, con dez menos, a provincia máis afectada por esta redución que Prado pediu evitar para "non desconectar Galicia". A dirixente dos populares galegos acusou o Goberno de querer "condenar" o rural galego a perder transporte público cando "todas as Administracións traballan polo contrario".
Así, ante a votación na cámara baixa da norma este mércores, reclamou ao PSOE e ao BNG que a rexeiten para "frear este despropósito" porque, pola contra, advertiu, "estarán a avalar que Sánchez siga desconectando Galicia".
Ao mesmo tempo, apuntou que o seu partido emendou a lei para tratar de blindar os servizos que se prestan na actualidade e manter tanto as paradas como as frecuencias e os horarios.
Por último, chamou o Goberno central a "renunciar" a impoñer este mapa de forma unilateral e negociar "de forma coordinada" coas autonomías un novo modelo "realmente eficiente na atención das demandas de mobilidade en todo o territorio".