Publicador de contidos

Publicador de contidos

O PP suma máis de 145 alcaldías, o PSOE un cento e o Bloque 32 tras unha xornada que despexou a incógnita de Ourense

O PP suma máis de 145 alcaldías, o PSOE un cento e o Bloque 32 tras unha xornada que despexou a incógnita de Ourense

Trece concellos deberán agardar aínda para ter unha nova corporación polos recursos presentados e en tres de Ourense haberá alcaldía rotatoria

A socialista Uxía Oviedo confírmase en Maceda como a alcaldesa máis nova de Galicia

G24.gal 18/06/2023 10:29

A principal incógnita da xornada de investidura despexouse e, tras alcanzar un pacto co PPdeG, que ve así garantido o goberno na Deputación provincial, Gonzalo Pérez Jácome de Democracia Ourensana, puido tomar de novo o bastón de mando municipal cos votos dos seus dez edís.

Pero, ademais de Ourense, este sábado quedaron constituídas as corporacións de 300 concellos galegos. Os veciños que tiveron alcalde máis cedo foron os das Nogais, Láncara e Sober, con plenos de investidura a medianoite.

Pola contra, trece corporacións quedaron pendentes de se constituír por diversos recursos e mesmo unha repetición electoral en Castro Caldelas.

Ademais de Castro Caldelas, outros dous municipios ourensáns terán que agardar para ver ratificado o seu novo rexedor en Carballeda de Valdeorras e Celanova, así como nove da comarca do Barbanza e Corcubión. 

Os partidos xa botaron as súas contas e o PP dá por pechadas 146 alcaldías e máis a de Ramirás, en rotación cos socialistas. Isto outórgalle máis do 46% das alcaldías, mentres que os socialistas acumularían ao redor dun cento (31%) e o BNG con 32 (un 10% do total). 

Hai outros partidos que tamén lograron gobernos, algúns destacados, como o feudo de Narón de Terra Galega, ou Oleiros, onde revalidou Ángel García Seoane da Alternativa dos Veciños.

Guión previsto nas cidades

Á marxe do número de alcaldías e unha vez ratificado que Jácome é o novo alcalde de Ourense, este sábado fíxose oficial que o PP segue en desvantaxe no ámbito urbano, aínda que mellorou en resultados con respecto a 2019.

Pero o seu único alcalde nas cidades grandes é o ferrolán José Manuel  Rey Varela.  Mentres o socialista Abel Caballero gobernará outro mandato cunha ampla maioría absoluta en Vigo, aínda que os socialistas terán que ceder a Deputación de Pontevedra, que pasará a dirixir o popular Luís López.

Nas outras catro cidades cumpriuse o guión previsto amparado baixo a máxima do PSdeG e o BNG de favorecer gobernos progresistas. Así quedaron ratificadas como alcaldesas as socialistas Lara Méndez e Inés Rei en Lugo e A Coruña, e a nacionalista Goretti Sanmartín converteuse na primeira alcaldesa de Santiago.

Á súa vez, en Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores foi proclamado alcalde de Pontevedra, afrontando así o que será o sétimo mandato do BNG na capital da provincia "coa obrigación de facelo mellor"

Excepcións á directriz de gobernos progresistas

Malia a orde das direccións dos socialistas e os nacionalistas, houbo excepcións e mesmo un pacto do PP e o PSOE en Ramirás que lle impediu ao Bloque acceder ao goberno nesa localidade, a pesar de ser o máis votado.

A cambio, socialistas e populares acordaron repartir o goberno con dous anos para cada un dos seus candidatos.  O Bloque remarcou nun comunicado que, ademais do sucedido en Ramirás, a pesar de ser a forza máis votada ou a primeira alternativa, en Viana do Bolo e A Guarda os socialistas "non facilitaron" un goberno liderado polos nacionalistas.

En Mugardos, salienta que a falta de apoio de EU deulle a alcaldía ao PP.  Ademais, as localidades lucenses de Monterroso e A Pastoriza terán alcaldes do PP en minoría despois de que o resto de forzas políticas das súas respectivas corporacións non lograran alcanzar acordos para gobernar.  

En Monterroso, o popular Eloy Pérez será alcalde por primeira vez con tres concelleiros do once que ten en total o consistorio ao ser a súa a lista máis votada nos comicios do 28 de maio. En fronte, o PSOE contaba con outros tres concelleiros, Independentes por Monterroso, con dous; o Partido Galego, outros dous; e o BNG, con un. Durante as negociacións do resto de grupos políticos, especialmente entre o PSOE, o PG e o BNG, tanto o concelleiro do Bloque como o Partido Galego mostraron o seu rexeitamento a apoiar o candidato socialista, Antonio Gato, pero este negouse a apartarse e este sábado todos cumpriron o prometido: Gato recolleu a súa acta de concelleiro e o BNG e o PG non apoiaron o candidato do PSOE.  

E na Pastoriza o PSOE e o BNG, que sumaban maioría entre os dous, non se puxeron de acordo e o candidato do PP, Darío Cabaneiro, foi proclamado como novo rexedor en minoría con cinco edís

Tres alcaldías rotatorias

Neste mandato, en Galicia, haberá tres alcaldías rotatorias, todas elas en Ourense. Unha delas é a de Ramirás, pero tamén no Bolo se ratificou unha alcaldía rotatoria este sábado. O pacto neste caso produciuse entre o PSOE e Somos O Bolo. O candidato socialista, Alberto Vázquez, foi investido e gobernará os dous primeiros anos. Os dous restantes ten o compromiso de pasar o bastón de mando a Miguel Ángel García.  En Vilardevós confirmouse o acordo que xa transcendera esta semana e o PP perdeu a alcaldía despois de 12 anos. A socialista Eva María Pérez Magote asumiu no pleno de investidura o bastón de mando. Terao os primeiros dous anos do mandato municipal que agora arrinca e Tamara Balboa, de Interior Galego Vivo, os dous seguintes.

Só permanece un alcalde preconstitucional

Quintela de Leirado, en Ourense conserva desde este sábado o único alcalde preconstitucional que seguirá en Galicia: José Antonio Pérez Cortés ,do PP, que foi proclamado de novo rexedor, tras recibir un amplo apoio nas urnas o 28 de maio.

De feito, Pérez Cortes, que acumula 47 anos co bastón de mando municipal, dirixirá un goberno monocolor, integrado por sete edís populares.

No polo oposto, a provincia de Ourense despediu este sábado o outro rexedor preconstitucional que quedaba na comunidade: o autoproclamado franquista Senén Pousa, quen deixou a alcaldía aínda que deu a entender que seguirá como concelleiro na localidade na que gobernou medio século.

E en Ourense estará tamén a alcaldesa máis nova de Galicia, en concreto na localidade de Maceda, a socialista Uxía Oviedo, que gobernará con 23 anos grazas ao apoio do BNG.

Pendentes de se constituír

Os veciños de trece concellos terán que agardar polo súa corporación. Este é o caso de nove consistorios da comarca do Barbanza, como son Boiro, Lousame, Mazaricos, Muros, Noia, Outes, A Pobra do Caramiñal, Porto do Son e Ribeira, e de Corcubión, na Coruña; así como de Carballeda de Valdeorras, Celanova e Castro Caldelas, na de Ourense.

Estes casos motivarán tamén que se aprace a constitución das deputacións provinciais en ambas as provincias.  O caso máis significativo é o de Castro Caldelas, que está pendente da repetición de eleccións ao detectarse que non se mantivo a cadea de custodia dun total de 118 votos emitidos por correo que non se contaron por sospeitas de irregularidade denunciadas polo PP.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade