Publicador de contidos
Publicador de contidos

O PP recorrerá no Constitucional a votación da reforma laboral

O PP recorrerá no Constitucional a votación da reforma laboral

Saíu adiante por un deputado do PP que votou si por erro

No PSOE din que a votación tivo todas as garantías 

G24.gal 04/02/2022 08:25

O PP non se resigna a que a reforma laboral quedase aprobada polo voto a favor dun dos seus deputados, Alberto Casero, moi próximo a García Egea, que votou de forma telemática.

Os populares din que el votou correctamente, en contra, pero que se rexistrou como un si por un erro informático. E  que despois mesmo se achegou á cámara para tentar solucionalo e non lle deixaron entrar. Piden unha reunión urxente da Mesa da Cámara e recorrerán ao Constitucional.

No PSOE non lle ven percorrido a esa batalla. Din que o voto telemático ten todas as garantías, que obriga a reconfirmar o sentido do voto e que os servizos xurídicos da cámara avalan a votación. 

O voto erróneo do PP foi clave porque os dous deputados de Unión del Pueblo Navarro romperon a disciplina do seu partido no último momento e votaron en contra.  A dirección de UPN xa lles pediu que entreguen a acta. Eles pactaran co PSOE compensacións a cambio de apoiar a reforma. Máis financiamento e a retirada da reprobación do alcalde de Pamplona. 

No Goberno din quedar co importante: máis aló dos números, a reforma laboral está aprobada.

A votación deu mostra da fraxilidade dunha maioría alternativa para o Goberno á marxe dos socios de investidura. E de feito en Unidas Podemos din que debe servir de lección para os deputados do PSOE que confían neses apoios. 

Tras a validación, tanto sindicatos como empresarios felicitábanse por este logro.

"Erro democrático imperdoable", foi a expresión que empregou Núñez Feijóo para referirse ao modo no que se aprobou a reforma laboral. Pechou xunto a Mañueco o acto central de campaña do PP de Ponferrada e deixou clara a súa postura.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade
Pódeche interesar