Publicador de contidos
Publicador de contidos

O PP chama a Sánchez, Montero e Calviño á comisión Koldo do Senado

G24.gal 24/05/2024 16:12 Última actualización 24/05/2024 17:34

O PP rexistrou este venres no Senado as súas novas peticións de comparecencias para a comisión Koldo, entre as que inclúe a do presidente do Goberno, Pedro Sánchez, como xa adiantara o partido, ademais das da vicepresidenta primeira, María Jesús Montero, e a exministra de Economía Nadia Calviño.

A nova lista de peticións do PP inclúe 32 comparecencias, que de aprobarse, como é previsible xa que o PP conta con maioría na Mesa da comisión, sumaríanse ás 63 que foron aprobadas en abril, das cales sete xa se realizaron.

Na nova lista do PP figuran outras exministras como a de Exteriores Arancha González Laya e a de Transportes Raquel Sánchez, ademais da presidenta da SEPI, Belén Gualda, o expresidente de Correos Juan Manuel Serrano e outros ex altos cargos, empresarios, axentes de policía e avogados.

Non foi chamada a esposa de Sánchez, Begoña Gómez, pero o PP si engadiu a directivos de Globalia e Red.es, sociedades das que pretende pescudar as súas relacións de negocios coa muller do presidente do Goberno.

Vox si rexistrou de novo unha petición de comparecencia de Begoña Gómez, como xa fixo para o primeiro plan de traballo da comisión, cando foi denegada esa solicitude. E tamén solicitou esta vez que compareza Sánchez, do mesmo xeito que o PP.

A maioría dos grupos parlamentarios desistiron de facer peticións, despois de que en abril fose aprobada integramente a lista do PP, que era de 58 persoas, co único engadido de cinco nomes achegados por UPN e PNV.

Nin o PSOE, nin o PNV, nin CC fixeron propostas este venres, cando se pechou o prazo. ERC volveu presentar a mesma lista da vez anterior e UPN solicitou a presenza de ex altos cargos de Navarra durante a pandemia.

A Mesa da comisión de investigación ten prevista unha reunión este venres pola tarde por videoconferencia para facer a convocatoria dunha sesión para o vindeiro martes.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade