O partido do Celta co Raio será un duelo directo por entrar en Europa
Cun empate o vindeiro domingo en Balaídos (19:00 horas) o equipo vigués garantiría praza en competición europea
No caso de lograr o triunfo aseguraría a sétima praza e o posto sería en Europa League
Rematada a xornada 36 e a uns días de xogar a xornada unificada (domingo, 19:00 horas) o Celta xa ten as contas claras para xogar en competición europea. O empate do Raio diante do Betis (2-2) e a vitoria do Osasuna co Atlético de Madrid (2-0) deixan un escenario moi interesante para o duelo directo que vai haber en Balaídos a fin de semana diante do Raio Vallecano.
O Celta parte desde o sétimo posto. Cun empate garantiría unha praza europea (só podería ser superado polo Osasuna na última data do campionato). No caso de gañarlle ao rival madrileño a última xornada sería totalmente intrascendente porque o sétimo posto xa sería matemático e non só habería praza en Europa senón que a competición que xogaría o Celta sería a Europa League.
Agárdase un ambiente espectacular en Balaídos o domingo, cun cheo absoluto para despedir a temporada. Pode ser unha festa maiúscula no caso de asinar o regreso a Europa despois de tantos anos e tanto sufrimento por manterse en Primeira División.