Publicador de contidos

Publicador de contidos

Os reis abordaron no Vaticano a visita a España do papa e o compromiso pola paz

Os reis abordaron no Vaticano a visita a España do papa e o compromiso pola paz

Nunha xuntanza de case unha hora, León XIV comentoulles aos reis que prepara "con moito interese e ilusión" a súa próxima viaxe a España

Filipe VI apela en Roma á concordia e ao ben común fronte ao egoísmo e a indiferenza

O rei tomou posesión do seu cargo como protocóengo da Basílica Papal de Santa María a Maior, unha tradición reservada á monarquía española 

Casa Real
G24.gal 20/03/2026 12:31 Última actualización 20/03/2026 14:34

O rei Filipe VI e a raíña Letizia abordaron nas súas reunións deste venres con León XIV e posteriormente co secretario de Estado vaticano, Pietro Parolin, a próxima visita do papa a España en xuño, algunhas cuestións de actualidade que atinxen á situación do país e a importancia dun compromiso constante en favor da paz.

"Durante as cordiais conversacións na Secretaría de Estado expresouse satisfacción polas boas relacións entre a Santa Sede e España, que terán un momento significativo na próxima Viaxe Apostólica do Santo Padre", informou nun comunicado o Vaticano sobre as reunións que mantiveron no Vaticano.

Segundo fontes próximas ao encontro, o papa comentou aos reis que prepara "con moito interese e ilusión" a súa próxima viaxe a España, que terá lugar do 6 ao 12 de xuño e que prevé actos do pontífice en Madrid, Barcelona e as illas Canarias.

Nese contexto, engadiu a breve nota vaticana, "fíxose referencia a algunhas cuestións de actualidade que concirnen á situación do país e á misión da Igrexa na sociedade".

"Por último, abordáronse algúns temas de carácter rexional e internacional, destacando a importancia dun compromiso constante en favor da paz e do fortalecemento dos principios e valores que constitúen a base da convivencia internacional", explicou o Vaticano.

Os reis de España e León XIV mantiveron un encontro de 50 minutos na Santa Sede, na primeira audiencia que o pontífice ofrece a Filipe VI e Letizia, previa á viaxe que o papa realizará o próximo mes de xuño a España.

Os reis, acompañados polo ministro español de Presidencia e Xustiza, Félix Bolaños, e a embaixadora de España ante a Santa Sede, Isabel Celáa, chegaron á 10:15 hora local (09:15 GMT) ao Patio de Santo Dámaso da Cidade do Vaticano, onde foron recibidos con honras por un piquete da Garda Suíza.

Maria Laura Antonelli/ Europa Press Maria Laura Antonelli/ Europa Press

Tras ser saudados polo vicerrexente da Casa Pontificia, Edward Daniang Daleng, e un grupo de xentilhomes, a comitiva despois acompañou aos reis ata a Sala do Tronetto onde o papa os saudou para despois dirixírense á biblioteca privada de León XIV, na que mantiveron o encontro.

Como en anteriores visitas á Santa Sede, a raíña Letizia acudiu á cita co pontífice vestida de branco, facendo uso do privilexio reservado ás soberanas de países católicos, lucindo un vestido nese ton coordinado con accesorios en cor beixe.

Casa Real Casa Real

Tras esta reunión, os tres posaron para a foto oficial co papa, e despois os reis presentaron a León XIV aos membros da delegación oficial e intercambiáronse agasallos con motivo desta visita.

Casa Real Casa Real

Filipe VI e a raíña Letizia reuníronse posteriormente co cardeal secretario de Estado, Pietro Parolin, un encontro en que participaron tamén Félix Bolaños; o xefe da Casa do Rei, Camilo Villarino, e a embaixadora de España ante a Santa Sede, por parte de España.

Acompañaron a Parolin por parte do Vaticano o subsecretario para as Relacións cos Estados, Richard Gallagher, e Renato Kuĉić, encargado dos Asuntos Relativos a España.

Os reis regalaron a León XIV un facsímile do Libro de Horas de Filipe II, do século XVI, que foi o manuscrito predilecto do monarca e acompañouno durante toda a súa vida, a obra máis rica e característica realizada no escritorio do Real Mosteiro do Escorial, onde se conserva.

TVG TVG

Tamén o obsequiaron cunha manta de butaca fabricada á man en la merina e seda natural polo taller de artesanía téxtil Ábbate, membro da Alianza pola La, proxecto que busca promover e proxectar o valor da la española, mentres que para o secretario de Estado, o libro de ensaios Sacred Spain. Art and Belief in the Spanish World.

Os reis xa se atoparon con León XIV en maio de 2025, tras a misa de inicio do seu Pontificado, onde o convidaron a visitar España.

Unha invitación á que León XIV respondeu coa visita apostólica prevista entre o 6 e o 12 de xuño a Madrid, Barcelona e As Canarias, a primeira dun papa a España nos últimos 15 anos, tras a de Bieito XVI en 2011 e tamén será o primeiro pontífice que visitará o país durante o reinado de Filipe VI.

A última audiencia dos reis no Vaticano celebrouse en xuño 2014, cando foron recibidos polo papa Francisco na primeira viaxe oficial ao estranxeiro que realizaron como reis. Antes, en 2013 acudiron, aínda como príncipes de Asturias, á misa de inicio do seu pontificado.

E asistiron o 26 de abril de 2025 á praza de San Pedro do Vaticano para despedir ao papa Francisco nun multitudinario funeral.

Tras a audiencia co papa, os reis trasladáronse á Basílica papal de Santa María a Maior, no centro de Roma, onde Filipe VI tomou posesión do seu cargo como protocóengo deste templo, unha tradición de séculos reservada á monarquía española. 

TVG TVG

Filipe VI apela en Roma á concordia e ao ben común fronte ao egoísmo e a indiferenza

Filipe VI apelou este venres en Roma á concordia, a xenerosidade e á "entrega á causa do ben común" fronte ao egoísmo e a indiferenza, un chamamento que realizou na cerimonia en que tomou posesión do seu cargo de protocóengo da basílica de Santa María a Maior.

Neste histórico acto reservado aos monarcas españois desde hai séculos nunha das catro basílicas papais de Roma, Filipe VI, acompañado pola raíña Letizia, referiuse á audiencia que mantiveron antes co papa na Santa Sede e na que falaron dunha actualidade na que, dixo, cómpre claridade.

"Falamos do tempo que nos toca vivir; destes días nos que tanta claridade necesitamos; claridade de obra e de palabra; claridade de corazón e de conciencia", indicou o xefe do Estado español no discurso pronunciado na basílica na que está enterrado o papa Francisco.

Un acto solemne en que Filipe VI renovou o vínculo entre a Coroa e a Santa Sede asumindo, explicou, un compromiso dos reis de España cara a esta basílica e o seu cabildo, "un compromiso de lealdade e custodia" que hai máis de 350 anos instituiu o papa Inocencio X.

Tamén se referiu o rei ao artesonado da basílica, -ao que contribuíron os Reis Católicos- e á iluminación do templo de "selo español" -inaugurado por Xoán Carlos I e a raíña Sofía en 2018-.

"Levar claridade ao mundo"

O rei lembrou como hai algo menos dun ano, o día en que faleceu o papa Francisco, resaltou que o seu pontificado fora "un faro ético para a humanidade; unha referencia para crentes e non crentes, pola súa proximidade, sabedoría, e compaixón, en particular cara aos máis necesitados", unha mesma sensibilidade que, indicou, viron en León XIV na audiencia mantida na Cidade do Vaticano.

"Manteñamos a esperanza de que todos, cada un nas nosas respectivas circunstancias e responsabilidades, saibamos ser, para os demais, un pequeno faro de concordia, xenerosidade e entrega á causa do ben común. Entre todos, contra o egoísmo e a indiferenza, tratemos de levar ao mundo a mesma claridade que hoxe, nesta primavera romana que comeza, ilumina a basílica de Santa María a Maior", indicou o rei.

Un acto que subliña o vínculo singular que une á nación e a coroa española con esta basílica dedicada á virxe, indicou o cardeal arcipreste Rolandas Makrickas na cerimonia, na que o rei ocupou o seu lugar entre os cóengos do Capítulo Liberiano.

Fíxoo tras lerse un extracto da Bula Hispaniarum Fidelitas promulgada polo papa Pío XII en 1953, de tal forma que todos os reis españois se converten en protocóengos.

Tras a cerimonia, os reis visitaron a tumba do papa Francisco, que foi enterrado alí en abril do ano pasado, así como a imaxe da Virxe da Saúde (patroa de Roma), á que o anterior pontífice adoitaba visitar antes de partir e ao regreso das súas viaxes.

No seu percorrido de saída pola nave central, algúns dos invitados gritaron vivas ao rei e, xa na rúa, Filipe VI e dona Letizia saudaron o público que os esperaba fóra da basílica. 

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade