O Ourense CF accede á gran final da Copa RFEF
Os de Dani Llácer impuxéronse na quenda de penaltis ao Atletic Lleida
Ao final do tempo regulamentario chegouse cun empate a tres despois dunha segunda metade tola
Amin, Jerín e Omar foron os goleadores do equipo ourensán
O Ourense CF loitará pola Copa RFEF despois de eliminar a domicilio o Atlétic Lleida ao que se impuxo na quenda de penaltis despois dun partido cheo de alternativas e emoción. Os das Burgas seguen cun percorrido impoluto na competición copeira e loitarán polo seu primeiro título nacional.
Na primeira metade os ourensáns sufrirían ante os ataques dos ilerdenses pero foron quen de chegar ao descanso con empate sen goles no marcador. No intermedio, Dani Llácer optou por meter no campo a Amin é o goleador non defraudaría ao rematar un centro de Enol Coto no primeiro minuto da segunda metade. O tanto faría despertar o cadro local que lle daría a volta ao resultado con dous goles de Boris Garrós, o primeiro aproveitando un rexeite de Alberto e o segundo cunha gran cabezada. Poñíaselle custa arriba a eliminatoria o Ourense CF pero a entrada no terreo de xogo de Jerín e Omar sería decisiva. O primeiro igualaría de novo o partido ó rematar de cabeza unha falta botada por Punzano e o segundo colocaría o 2-3 ó rematar a porta baleira unha internada por banda de Guerrero. 5 goles en 25 minutos. A tolemia semellaba instalada no partido pero o equipo ourensán soubo botarlle o freo. E cando semellaba que a eliminatoria estaba decidida, na última acción do tempo regulamentario, Carles Más remataría de cabeza un centro desde a esquerda e levaba o partido á prórroga.
E nese tempo extra tivo Jerín a opción de sentenzar cun lanzamento de penalti no que se atopou coa excepcional intervención de Marc Arnau. O partido complicaríaselle máis os de Llácer tras a expulsión do central Carmona ao inicio da segunda metade da prórroga. De aí ata o final moito sufrimento para os das Burgas que conseguiron levar a eliminatoria á quenda de penaltis.
E na lotería final desde os once metros Sibide errou o quinto lanzamento dos locais e o capitán Jerín Ramos si que acertaría esta vez para colocar os ourensáns na gran final da Copa RFEF.