O novo presidente da RFGF visita a CRTVG: "No 2025 haberá Irmandiña masculina e feminina"
Pablo Prieto anuncia unha liña de continuidade co mandato de Rafael Louzán
O novo presidente da Federación Galega de Fútbol (RFGF) Pablo Prieto pasou pola Televisión de Galicia para presentar as liñas mestras do seu novo mandato. Prieto, directivo con Rafael Louzán como cabeza visible do fútbol sala galego desde 2015, anunciou unha liña continuísta nas súas accións. "É un testemuño que debemos coidar e darlle continuidade a moitos proxectos que estaban enriba da mesa", comentou o máximo mandatario do fútbol galego.
Sobre os temas de actualidade quixo falar da situación da arbitraxe e todos os problemas que está a haber. Non só no fútbol profesional senón os que existen en categorías inferiores. Sen ir máis lonxe esta fin de semana unha árbitra de 13 anos foi gravemente insultada polos pais nun encontro de prebenxamíns: "Levarémolo á comisión antiviolencia. Temos que buscar mecanismos de prevención para erradicar eses comportamentos", dixo Prieto.
Este martes comezou a rolda de contactos con todos os clubs do fútbol galego. Comezou polo Real Club Celta, o máis representativo de Galicia defendendo o pavillón da Futgal na Primeira División. Xa ten cita co Deportivo e anuncia que visitará a meirande parte do fútbol modesto para coñecer os seus problemas e axudar nas súas solucións.
Prieto falou da posibilidade de ter dúas sedes para o Mundial 2030. Confirmou que se segue traballando nesa liña, aínda que puxo en valor: "O feito de que Galicia teña unha sede é algo que nos fai sentir orgullosos a todos os galegos".
Prieto tamén xogou Ao contraataque no programa deportivo da Radio Galega e aí confirmou que se está traballando para que a Irmandiña xogue un partido neste 2025, tanto en categoría masculina como na feminina. De feito, en fútbol sala xa está confirmado o dobre enfrontamento contra Cataluña en terras galegas.
🗣️ Pablo Prieto, presidente da @futgal, tamén xogou @aocontraataque e confirmou que en 2025 ...
— En Xogo tvG2 (@EnXogo_tvG2) February 18, 2025
🚨 "Haberá Irmandiña"
⚽️ "Masculina e feminina"
🎙️ "A Irmandiña masculina e feminina de fútbol sala xa ten confirmado partido contra Cataluña" pic.twitter.com/wPt8RNYl6G