O nacionalista Evencio Ferrero deixa a alcaldía de Carballo tras 22 anos no cargo
"Entendo que chegou o momento en que debo renunciar, pensando no mellor para Carballo", asegurou o rexedor este mércores nunha comparecencia tras oficializar a renuncia
O deputado Daniel Pérez será quen o substitúa á fronte do consistorio
O rexedor de Carballo, Evencio Ferrero, do BNG, deixa a alcaldía tras 22 anos no cargo, no que leva desde 2003. O seu substituto será o actual deputado autonómico e concelleiro de Deportes, Daniel Pérez.
Na asemblea local do BNG do pasado martes pola noite, Ferrero, nado en Carballo en 1955, comunicou a súa decisión de abandonar o posto, o formalizou no rexistro no Concello este mércores á mañá.
Alí acudiu acompañado dos edís da súa formación e do persoal de confianza, moitos deles visiblemente emocionados.
O sábado, 4 de outubro, terá lugar o pleno en que se fará efectiva a renuncia. Despois haberá un prazo de 10 días para que se faga co bastón de man o edil Daniel Pérez.
Xunto a todo o seu equipo, Evencio Ferrero iniciou a súa comparecencia agradecendo ao conxunto de traballadores e traballadoras que ao longo destes 46 anos como concelleiro, 22 deles como alcalde, compartiron labores con el no Consistorio como "leais colaboradores", "facilitando o traballo e a xestión do día a día"."
"Pensando no mellor para Carballo"
"Entendo que chegou o momento en que debo renunciar, pensando no mellor para Carballo. É necesario cambiar cousas para que todo siga mellorando", dixo antes de explicar que á primeira persoa á que trasladou a súa decisión -ademais de comunicala "na casa"- foi a líder do BNG, Ana Pontón.
"Expúxose a posibilidade de esgotar o mandato e presentarme ás próximas eleccións, pero eu propuxen outra hipótese, que é na que estamos agora", dixo, para chancear co feito de que desde que fixo os 70 é xubilado "a efectos laborais". "E ademais, o Estado funciona moi ben, a pesar dos que din que non funciona, e mesmo antes do que paga o Concello, o día 24 xa tiña a nómina ingresada", chanceou.
Na súa intervención trasladou o seu recoñecemento polo feito de que ao longo destas décadas o debate no concello fose "construtivo", "de contraste de pareceres", pero sempre desde o respecto". A diferenza dos lugares nos que "predomina o insulto", "gústanos que en Carballo o que predominen son as ideas e os proxectos", subliñou.
Ademais, chamou a atención sobre o feito de que Daniel Pérez tomará posesión da alcaldía coa mesma idade que el o fixo, con 48 anos. "E espero que dure outros 20 anos como fixen eu", sinalou.
Alcalde desde 2003, concelleiro desde 1979
Evencio Ferrero (Carballo, 1955) é desde o ano 2003 alcalde de Carballo, unha corporación na que foi elixido concelleiro en 1979, cando liderou a candidatura do entón Bloque Nacional Popular Galego á alcaldía da capital da comarca de Bergantiños a pesar de levar meses hospitalizado por sufrir un accidente que lle deixaría un problema de mobilidade que persiste.
E é que Evencio Ferrero, como el mesmo destacou este mércores, leva no BNG desde a súa fundación, sendo o militante con carné "número 14". Precisamente, sobre este aspecto, chanceou con que nestes momentos estará no "top ten", xa que algún dos primeiros militantes ou xa non integran o BNG ou xa faleceron.
Profesor de matemáticas, exerceu como docente desta materia na localidade limítrofe de Coristanco ata 2003. Nese ano, no que tomou posesión como primeiro edil, obtivo destino no IES Alfredo Brañas de Carballo, o primeiro instituto público que se fixo no municipio, pero xa non chegaría a dar clases debido á súa nova responsabilidade como rexedor.
No ano 2015 e despois de tres mandatos, Ferrero obtivo a súa primeira maioría absoluta, ao alcanzar 11 concelleiros. Unha maioría que foi ampliando nas seguintes citas coas urnas, até lograr 13 dos 21 edís da corporación nas municipais de 2023.
Co seu paso a un lado o BNG perde a un dos seus históricos alcaldes. E é que Evencio Ferrero é xunto co de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores -quen ostenta a alcaldía da cidade do Lérez desde 1999- un dos rexedores máis antigos da formación.
É tamén un dos concelleiros máis antigos do BNG, tendo en conta que levaba na corporación máis de 45 anos.
Cambios no grupo do BNG no Parlamento
O paso dado por Evencio Ferrero provocará cambios na composición do Grupo Parlamentario do BNG na Cámara galega. E é que logo da decisión que o rexedor comunicou na noite do martes á asemblea local da formación, os nacionalistas de Carballo optaron polo deputado e concelleiro Daniel Pérez López como candidato, e que deixará a súa acta no Pazo do Hórreo para facerse co bastón de mando, tendo en conta que a lei electoral galega establece a incompatibilidade do cargo de rexedor e o de deputado do Parlamento de Galicia.
Coa saída de Daniel Pérez do grupo parlamentario, a seguinte persoa que ocupou a lista do BNG pola provincia da Coruña é a militante Saleta Chao Rivas, quen previsiblemente ocupará a acta que deixa o carballés. Educadora social, concorreu na candidatura da alcaldesa de Santiago, Goretti Sanmartín, nas últimas eleccións municipais, quedando a un concelleiro de entrar na corporación.
Ademais, a marcha de Ferrero como concelleiro motivará que entre na corporación local Daniel Barreiro.