Momento crítico para o Lugo coa derrota contra o Vilarreal B (1-2)
Momento crítico para o Lugo coa derrota contra o Vilarreal B (1-2)
Whalley parou un penalti con empate a cero, e dous minutos máis tarde viu como o colexiado asubiaba unha segunda pena máxima
A permanencia queda agora a catro puntos
O Lugo segue en caída. Ante o Vilarreal B comezou moi ben e tivo varias ocasións nos primeiros minutos do partido, pero os castellonencos foron facéndose co control do choque pouco a pouco.
A segunda metade empezou frenética. Moreno Aragón, a instancias do VAR, sinalou penalti por man de Miguel Loureiro no minuto 48. O porteiro Óscar Whalley adiviñou as intencións de Sergio Lozano e detivo o seu lanzamento.
Pero só tres minutos despois, no 51, volveu sinalar penalti, nesta ocasión por un cobadazo de Alberto Rodríguez a Lozano. Ademais, amosoulle cartón amarelo, era o segundo, e expulsouno. Desta volta lanzou Álex Millán e non fallou.
Marcou o segundo o Vilarreal B no minuto 62 pero foi anulado por fóra de xogo.
No 66 empatou Cuéllar logo de gañarlle as costas á defensa tras a prolongación de Manu Barreiro. Non lle durou nada a igualada ao Lugo, pois un minuto despois, no 67, Sergio Lozano pon o 1-2 coa testa nunha xogada realmente desafortunada. A pelota peta no pau e logo nas costas de Óscar Whalley antes de entrar na portería.
O porteiro salvou varias oportunidades dos amarelos e Manu Barreiro tivo o empate na súa testa no engadido, segundos antes do remate. O balón marchou levemente desviado, e o Lugo sumou unha nova derrota.