O Liceo encamiña a semifinal da OK Liga co segundo triunfo
Gañoulle ao Noia por 5-2 nun partido máis apertado do que fala o marcador
O Liceo colleu unha clara vantaxe na eliminatoria de semifinais da OK Liga. Leva a Cataluña os dous triunfos acadados en Riazor e terá tres opcións para lograr a vitoria que lle falta para chegar á final.
O segundo partido foi tan apertado como o primeiro aínda que o marcador reflictiu unha meirande (e enganosa) vantaxe para os xogadores de Juan Copa.
Moi cedo se desataron as hostilidades cun dobrete de Dava Torres e o tanto de Jordi Bargalló nos primeiros cinco minutos do partido. Antes do descanso Di Benedetto poñía unha diferenza de dous goles, reducida ao mínimo por Roc Pujadas nada máis principiar a segunda parte.
O partido estaba no aramio, con máis achegamentos do Noia. A seis minutos do final Jordi Adroher aproveitou a primeira situación de bola parada para poñer o 4-2 e dar tranquilidade ao cadro liceísta. Sentenciou Maxi Oruste pouco despois co 5-2 definitivo.