O liberal Predoiu asumirá interinamente a xefatura do Goberno de Romanía
O executivo interino, coas funcións limitadas, ten no horizonte a organización da segunda volta das eleccións presidenciais, o 18 de maio, que enfrontará o vencedor da primeira volta, George Simion, ultranacionalista e euroesceptico, co alcalde de Bucarest, Nicusor Dan, independente e proeuropeo

O ata o de agora ministro de Interior de Romanía, o liberal Marian-Catalin Predoiu, foi nomeado primeiro ministro interino do país ata a formación dun novo Goberno, en substitución do dimitido socialdemócrata Marcel Ciolacu.
A designación de Predoiu como xefe de Goberno ata a formación dun novo Executivo foi asinada polo presidente do país, Ilie Bolojan, despois de recibir a dimisión de Ciolacu, quen abandonou o cargo o luns, un día despois da primeira volta das eleccións presidenciais do domingo, na que fracasou o candidato dos tres partidos gobernantes.
Bolojan "asinou o decreto que designa a Marian-Catalin Predoiu como primeiro ministro interino, quen exercerá as funcións de primeiro ministro ata a formación do novo goberno", informou este martes a oficina presidencial nun comunicado.
Ao anunciar este luns á noite a súa dimisión e a saída do Goberno do partido socialdemócrata PSD, Ciolacu dixo considerar que a coalición tripartita e europeísta no poder, formada tras as lexislativas de decembro pasado, "xa non é lexítima".
Aludiu desta forma ao claro triunfo nas urnas o domingo do euroescéptico e ultranacionalista George Simion, co 40,9 % dos votos, e ao fracaso de Crin Antonescu, o candidato común dos tres partidos gobernantes (o PSD, o PNL, de centro dereita, e a formación da minoría húngara UDMR).
Antonescu quedou terceiro e con iso fóra da segunda volta da votación que se disputarán Simion e o alcalde de Bucarest, o independente proeuropeo Nicusor Dan.
Tras coñecerse a decisión de Ciolacu e a súa PSD, Predoiu, quen é tamén líder interino do PNL, deixou claro que o seu partido non renunciará a gobernar, xa que os seus ministros "xuraron que servirán aos intereses dos romaneses".
Segundo a Constitución, o Goberno interino ten funcións limitadas, principalmente administrativas, e non pode permanecer no poder máis de 45 días.
A súa principal función agora será organizar a segunda volta das eleccións presidenciais, o 18 de maio próximo.
Para esta contenda, Ciolacu anunciou que o seu partido non fará ningunha recomendación aos seus seguidores, mentres que Predoiu confirmou o apoio dos seus correlixionarios para Dan.
"Anunciámolo porque así o queremos e así vemos as cousas", declarou Predoiu ante a prensa.
O futuro presidente que xurdirá das urnas o 18 de maio desempeñará un papel destacado á hora de propiciar a formación dun novo Goberno.
O cargo presidencial en Romanía ten importantes competencias, sobre todo en política exterior e de defensa, polo que estas eleccións considéranse clave para o futuro rumbo do país.
Romanía, un dos países máis pobres da Unión Europea (UE) que no contexto da guerra en Ucraína é nestes momentos clave para a defensa do flanco oriental da OTAN, está sumida desde novembro pasado nunha crise institucional, cunha gran polarización da sociedade.
A crise desatouse despois de que o ata entón pouco coñecido Calin Georgescu, un candidato de extrema dereita e prorruso, gañase contra todo prognóstico a primeira volta das presidenciais celebrada a fins de novembro, que foi logo anulada polo Tribunal Supremo por inxerencias rusas.
Simion, de 38 anos e líder do ultranacionalista partido AUR, decidiu competir pola presidencia do país despois de que Georgescu quedase inhabilitado para a repetición desas eleccións.
Aínda que nega ser prorruso, Simion, que se presenta como un aliado de Georgescu, promete deter a axuda romanesa a Ucraína.