Publicador de contidos

Publicador de contidos

O hospital Álvaro Cunqueiro de Vigo conta cunha técnica única en Galicia para tratar a hipertensión arterial pulmonar

O hospital Álvaro Cunqueiro de Vigo conta cunha técnica única en Galicia para tratar a hipertensión arterial pulmonar

A técnica consiste en introducir, a través dun catéter, un balón para romper e eliminar os trombos das arterias

Trátase dun tratamento complexo que require de 4 a 6 procedementos por paciente

G24.gal 26/11/2025 14:16

Vigo conta coa única unidade de Galicia para tratar a hipertensión pulmonar con balón. Unha técnica que mellora a calidade de vida dos pacientes que sofren esta patoloxía, considerada unha enfermidade rara.

A hipertensión arterial pulmonar é unha patoloxía grave e pouco frecuente que supón un incremento da presión das arterias pulmonares. O síntoma máis común é a falta de aire, que compromete a súa calidade de vida.

O hospital Álvaro Cunqueiro é o único de Galicia, son cinco en toda España, que ten un programa de anxioplastia para tratar a enfermidade. A técnica consiste en introducir, a través dun catéter, un balón para romper e eliminar os trombos das arterias. Trátase dun tratamento complexo que require de 4 a 6 procedementos por paciente.

É unha alternativa para os que non poden someterse a cirurxía, que reduce o risco de mortalidade e mellora a súa calidade de vida. Que esta técnica se faga en Vigo evita que os doentes teñan que desprazarse a Madrid.

A unidade está coordinada por especialistas en pneumoloxía e cardioloxía e atende uns 150 pacientes ao ano. Un deles, acudiu esta mesma semana dende A Gudiña para agradecer o traballo do equipo médico e destacou que antes tiña moita fatiga e grandes limitacións e que, grazas a esta técnica, agora pode levar unha vida normal. 

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade