O desembarco do MV Hondius segue o plan previsto e conclúe este luns
A pasaxe española foi a primeira en tocar terra e chegou a Madrid para facer a corentena ás 15:00 horas
O barco continuará viaxe cara aos Países Baixos co corpo dunha das persoas falecidas polo gromo de hantavirus
Ningunha das persoas que estaban a bordo presentaban síntomas da enfermidade á súa chegada a Tenerife
O buque de cruceiro MV Hondius, en que se rexistrou un gromo de hantavirus, entrou sobre as seis da mañá deste domingo, hora canaria, no dique do peirao de Granadilla de Abona, en Tenerife.
Aquí vai permanecer fondeado ata que desembarque toda a pasaxe. Ningunha das persoas a bordo presenta síntomas da enfermidade que, polo momento, provocou a morte de tres persoas. Unha delas segue no barco e vai continuar viaxe ata os Países Baixos.
A embarcación, procedente de Cabo Verde, chegou precedida dunha lancha dos prácticos do porto, a Almáciga P, e seguido dun remolcador, o VB-Canarias, que axudaron nas manobras de entrada e fondeo, segundo puido comprobar EFE.
Xa coa luz do sol, comezou a despregadura do operativo para o desembarco da pasaxe e o seu traslado ao aeroporto Tenerife sur, a dez quilómetros de distancia.
Primeiros en desembarcar
Os primeiros en baixar, segundo confirmou este domingo a ministra de Sanidade, Mónica García, foron os 13 viaxeiros e o membro da tripulación de nacionalidade española, ademais dun epidemiólogo da Organización Mundial da Saúde.
Foron transportados en dúas lanchas desde o barco ata a chaira do porto onde agardaba un autobús da Unidade Militar de Emerxencias encargado de levalos ata o aeroporto Tenerife sur.
Todos ían con máscaras e pezas de protección. Ademais, levaban as súas pertenzas nunhas bolsas brancas pechadas, de acordo co protocolo anunciado polas autoridades.
Un avión militar xa estaba preparado na pista da teminal para trasladar a cidadanía española a Madrid, onde farán unha corentena no Hospital Gómez Ulla. Aterrou ás 15:00 horas na base de Torrejón de Ardoz.
O Exército do Aire e do Espazo fíxose cargo do traslado desde Tenerife, segundo anunciou o Ministerio de Defensa na súa conta de X, que agradece o labor de todo o persoal implicado.
Por nacionalidades
Despois, comezou o desembarco do resto da pasaxe por nacionalidades e en pequenos grupos, atendendo á orde de partida dos distintos avións.
En declaración á prensa no porto de Granadilla, a titular de Sanidade asegurou que o fondeo foi un éxito "malia todas as adversidade" e as "oposicións" do Executivo autonómico.
Do mesmo xeito, subliñou o normal desenvolvemento do operativo, segundo o previsto e con todas as medidas de seguridade establecidas por protocolo.
Sen síntomas
A ministra explicou que membros de Sanidade Exterior subiron ás 7:30 horas para avaliar, xunto ao persoal experto que está no barco, o estado de saúde de xeito individual.
"O que nos transmiten é que toda a pasaxe segue asintomática".
Do mesmo xeito, achegou máis datos sobre os traslados. Despois da engalaxe do voo español, partiu outro cara a Francia, con cinco persoas.
A continuación, tocoulle a quenda ao Canadá; aos Países Baixos, que levaronn un total de 26 persoas de Alemaña, Bélxica e Grecia; e ao Reino Unido.
Pola tarde, repatriáronse cidadáns de Turquía, Irlanda e os Estados Unidos (17). O último avión sairá este luns das Canarias con xente de Australia.
A Garda Civil nun momento do operativo. REUTERS/Hannah McKayT
Risco baixo
O director xeral da Organización Mundial da Saúde, que compareceu xunto á ministra, insistiu en que o risco de contaxio dos casos de hantavirus declarados no barco é baixo, segundo avalan os informes científicos.
Malia e todo, dixo Tedros Adhanom Ghebreyesu, todo os países de orixe da pasaxe están a tomar precaucións. Ademais, salientou o liderado de España e Tenerife nesta crise, que considera se está a xestionar "moi ben".
Do mesmo xeito, lembrou que o terceiro e último falecemento por este gromo produciuse o pasado 2 de maio, polo que considera que se tomaron as medidas axeitadas para o seu control.
Desinfección dun pasaxeiro no aeroporto. REUTERS/Borja Suárez
Solidariedade da poboación canaria
O presidente do Goberno, Pedro Sánchez, agradeceu a solidariedade da poboación canaria coa pasaxe do MV Hondius e defendeu a actuación do Executivo na crise.
"É un orgullo ser español porque España sempre cumpre, cumpre cos seus e cumpre co resto do mundo e ímolo volver facer hoxe e mañá na illa de Tenerife", destacou nun mitin na Liña da Concepción (Cádiz), xunto á candidata do PSOE á Presidencia de Andalucía, María Jesús Montero.
Incidiu en que o mundo observa de novo a España que, coma noutras crises, vai responder "á altura do que é este gran país, con exemplaridade e con eficacia".
Do mesmo xeito, subliñou que o Goberno está a actuar "con rigor científico e técnico, absoluta transparencia lealdade institucional e cooperación institucional".
O papa León XIV tamén agredeceu a xenerosidade do pobo canario.
Oposición de Clavijo
A prolongación do dispositivo ata o luns suscitou o rexeitamento do Goberno das Canarias porque, de acordo co seu presidente, Fernando Clavijo, o acordo eran doce horas.
Ante a súa negativa a permitir o fondeo, a Dirección Xeral da Mariña Mercante tivo que emitir unha resolución para ordenar a súa entrada no dique do porto.
A prensa segue de preto o desembarco. REUTERS/Hannah McKay
A chegada do transatlántico espertou unha grande expectación e son numerosos os medios de comunicación nacionais e internacionais que se desprazaron ata Tenerife para informar dun operativo sen precedentes.
No barco viaxaban inicialmente un total de 149 persoas de 23 nacionalidades distintas, 88 turistas e 61 membros da tripulación. A OMS elevou a cinco os casos confirmados do gromo.
Varios pasaxeiros saúdan tras o desembarco. REUTERS/Hannah McKay.