O Goberno pon a proba os seus apoios no último pleno do Congreso antes das vacacións
Debátese a validación de tres decretos lei sobre entregas a conta a comunidades autónomas e concellos, reforzo do sistema eléctrico tras o apagamento e declaración de eventos culturais como de interese público

O último pleno do Congreso antes das vacacións de verán. Comeza ás once da mañá co debate de tres decretos lei: as entregas a conta a comunidades autónomas e concellos, o reforzo do sistema eléctrico tras o apagamento e a declaración de eventos culturais como de interese público.
E o Goberno non ten garantidos os apoios de ningún dos tres. Así que seguirá negociando ata o último momento. De momento, o que xa aprazaron ata o próximo período de sesións, por falta de apoios, foi a redución da xornada laboral.
Un dos decretos lei que pode acender máis as discusións no hemiciclo é o das medidas deseñadas para reforzar o sistema eléctrico tras o apagamento masivo do 28 de abril, xa que Podemos anunciou o seu voto en contra e a validación dependerá en boa medida da posición do PP, que non adiantou o sentido do seu voto.
Tampouco estará exento de controversia o relativo ás novas entregas a conta a comunidades autónomas e concellos, os pagos que o Estado lles adianta en previsión dunha determinada recadación de impostos. Incluído nun decreto ómnibus, PP, Vox e Junts rexeitárono o pasado mes de xaneiro a pesar de que supoñerían máis de 147.000 millóns de euros para as autonomías e preto de 29.000 para as entidades locais.
Entre as oito iniciativas da orde do día figuran ademais o proxecto de lei sobre responsabilidade civil e seguro de circulación de vehículos de motor, a reforma do Réxime Económico e Fiscal de Canarias e a creación da Axencia Estatal de Saúde Pública, que tamén foi rexeitada hai uns meses co voto de Junts.
Para completar esta sesión extraordinaria votaranse os ditames sobre a reforma do Regulamento do Congreso, que rexeitan de plano o PP e Vox. Ademais de incorporar a linguaxe inclusiva, a maioría quere regular o traballo dos xornalistas acreditados na cámara.