Publicador de contidos

Publicador de contidos

O Goberno espera habilitar en agosto a alternativa ao tráfico por Pedrafita afectado polo derrubamento na A-6

O Goberno espera habilitar en agosto a alternativa ao tráfico por Pedrafita afectado polo derrubamento na A-6

O informe das causas podería non estar ata finais do verán

Os indicios apuntan a un problema de cimentación, pero non é definitivo

G24.gal 10/07/2022 20:35

O secretario xeral de Infraestruturas, Xavier Flores, avanzou que o Goberno habilitará en agosto unha alternativa para que o tráfico afectado polo derrube o pasado mes do viaduto do Castro, na A-6, non teña que pasar por Pedrafita do Cebreiro. "Falamos de semanas. Seguro que para agosto estará", confirmou.

Nunha entrevista en Cadena Ser, Flores detallou que en próximas semanas se reducirá "de maneira importante" o desvío existente, que pasará a ser "de cinco minutos". Así mesmo, explicou que as alternativas propostas pola Xunta e polo Goberno de Castela e León "non son viables", aínda que recoñeceu que hai un punto en estudo.

Ademais, Xavier Flores defendeu "o rigor e a transparencia" na actuación por parte do Executivo Central. Neste sentido, asegurou que están ao dispor da Xunta para resolver calquera dúbida "ante un tema complexo como este" e sinalou que seguirán mantendo reunións periódicas.

En todo caso, o secretario xeral criticou que se utilice politicamente este asunto. "Creo que é un erro e sería un fraco favor aos cidadáns tentar politizar ou converter isto nun debate político. Hai que actuar con rigor técnico e transparencia ante un caso excepcional e extraordinario", manifestou.

Os indicios apuntan a problemas de cimentación

Cuestionado sobre a causas do derrube, Flores evitou pronunciarse á espera dos informes técnicos pertinentes. Por iso, trasladou que se deben facer probas de distinto tipo de varios materiais para afirmar "con detalle e contundencia" as causas.

O que si recoñeceu é que hai indicios que apuntan a que podería deberse a problemas de cimentación, xa que hai unha pila que se desprazou dous metros, pero, en todo caso, indicou que hai que comprobar "se foi unha causa ou un efecto".

Ademais, os técnicos tamén comproban se puido ocorrer un fallo no sistema de cableado nalgunha dos seus partes. "O que necesitamos é ter as probas para falar con rigor", insistiu.

Sobre o informe das causas, Flores afirmou que quizais ata final do verán non estará dispoñible e asegurou que en canto saiban que ocorreu será o momento de ver se se debe derivar algunha responsabilidade.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade