O Goberno de Trump anuncia a fin da despregadura masiva de axentes migratorios en Minnesota
Dous cidadáns estadounidenses, Renée Nicole Good e Alex Pretti, morreron tras recibir disparos dos axentes do Servizo de Inmigración e Control de Aduanas
O director do Servizo de Control de Inmigración e Aduanas (ICE), Tom Homan, anunciou este xoves a fin da despregadura masiva de axentes de inmigración no estado de Minnesota, durante o que dous estadounidenses morreron a mans de efectivos da axencia ICE.
"Propúxenllo e o presidente Trump aceptou, que esta operación chegue ao seu fin", explicou Homan sobre o fin da denominada operación Metro Surge nunha conferencia de prensa en Minneapolis.
Segundo Homan, a campaña "deu os resultados satisfactorios" que o Goberno de Trump esperaba e destacou o traballo xunto aos funcionarios estatais e locais "para mellorar a coordinación".
"Como resultado dos nosos esforzos aquí, Minnesota xa non é un estado santuario para os delincuentes", alegou Homan.
Desde que Trump ordenou reforzar a presenza de axentes migratorios en Minnesota, dous estadounidenses, Renée Nicole Good e Alex Pretti, morreron tras recibir disparos dos axentes do Servizo de Inmigración e Control de Aduanas (ICE) e a Oficina de Aduanas e Protección Fronteiriza (CBP).
Tras o falecemento do segundo, mentres protestaba polas redadas dos axentes na cidade, a tensión entre os manifestantes e os efectivos federais escalou a tal nivel que Trump chegou a ameazar con activar a Lei de Insurrección para despregar o Exército.
O anuncio de Homan prodúcese dúas semanas despois de que o mandatario retirase do estado a Gregory Bovino, comandante xeral da Patrulla Fronteiriza, que estaba a cargo de coordinar o operativo.
No seu lugar destinou a Homan, que o 4 de febreiro xa anunciou a retirada de 700 axentes.
"Como dixen na miña primeira rolda de prensa fai un par de semanas, o presidente Trump envioume aquí non porque a operación se estivese levando a cabo á perfección, senón para identificar os problemas e aplicar solucións que mellorasen a execución da nosa misión", apuntou.
Segundo Homan, desde que comezou a operación Metro Surge leváronse a cabo máis de 4.000 arrestos.
A pesar de que se pon fin á despregadura masiva, Homan avanzou que un "pequeno continxente de persoal" permanecerá durante un tempo no estado para "transferir o mando e control completos á oficina local".