Publicador de contidos
Publicador de contidos

O Goberno agarda chegar a acordo con Junts e ERC para aprobar os presupostos "canto antes"

O Goberno agarda chegar a acordo con Junts e ERC para aprobar os presupostos "canto antes"

O Consello Xeral do Poder Xudicial analizará a semana que vén dous informes contraditorios sobre a legalidade da amnistía 

G24.gal 12/03/2024 14:55 Última actualización 12/03/2024 15:07

Tras a amnistía, o Goberno pon o foco nas negociacións para os presupostos xerais. ERC pide que se inclúan as partidas acordadas para a investidura e Junts un pacto fiscal para Cataluña. O executivo di que explicará os acordos cando xa estean pechados, pero manteñen a vontade de "traballar, dialogar e negociar co resto das forzas política para poder aprobar canto antes uns presupostos xerais do Estado para este país", segundo explicou a súa voceira, Pilar Alegría.

Outro aliado parlamentario, Podemos, tamén ameaza con poñerllo difícil. A súa líder, Ione Belarra esixe ver "o proxecto completo". Do contrario, cre, "as posibilidades de que o PSOE queira colarnos algún gol son moi altas".

O Consello Xeral do Poder Xudicial votará a semana que vén dous informes contraditorios. O redactado por un vogal conservador asegura que a amnistía é inconstitucional. O doutra vogal progresista pola contra di que si ten cabida na Carta Magna.

O ministro de Xustiza asegura que respecta "profundamente todos os argumentos xurídicos nun sentido ou noutro", ao tempo que insiste en que "esta lei é absolutamente impecable, é constitucional".

Previsiblemente sairá aprobado o informe que di que a amnistía non é legal, xa que os maxistrados conservadores son maioría. Félix Bolaños descarta tomar en consideración tal ditame. 

"Pola súa proximidade ao PP creo que non teñen ningunha imparcialidade para valorar a lei de amnistía nin ningunha outra", dixo na conferencia de prensa posterior ao Consello de Ministros.

O líder do PP di que derrogará a amnistía se chega á Moncloa, aínda que conta con que a xustiza a tombe antes. Alberto Núñez Feijóo está "convencido que o Tribunal de Xustiza da UE non a vai validar", sendo así "innecesario que un político a derrogue, quizais os propios tribunais fagan ese traballo".

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade