Publicador de contidos

Publicador de contidos

O Goberno acepta tramitar o decreto anticrise como proxecto de lei

O Goberno acepta tramitar o decreto anticrise como proxecto de lei

Esta é unha das peticións do PP para votar a favor das axudas

ERC di que non apoiará o decreto pola suposta espionaxe a políticos cataláns

G24.gal 27/04/2022 20:59 Última actualización 22:00

O Goberno acepta tramitar como proxecto de lei, tal como pedía o PP, o decreto coas medidas para paliar as consecuencias económicas e sociais da guerra en Ucraína que se debaterá este xoves no Congreso.

Fontes do Executivo informaron da decisión de aceptar esa tramitación como proxecto de lei para permitir as achegas dos grupos parlamentarios.

Esa decisión facilitará que o decreto consiga os apoios necesarios para a súa validación.

A medida apróbase despois de que o vicesecretario de economía do PP Juan Bravo enviase unha carta a María Jesús Montero en que pide negociar unha serie de condicións para apoiar o decreto anticrise. O Partido Popular pedía ao Goberno tramitar o decreto como proxecto de lei para incluír unha rebaixa fiscal a rendas medias e baixas, reducir o IVE da electricidade, medidas para axilizar a xestión dos fondos europeos e reducir o gasto burocrático e político.

Montero respondeu ao PP que se tramitará o plan como proxecto de lei "na seguridade de que as medidas previstas neste real decreto lei favorecen a cidadanía e palían, en gran medida, os efectos da guerra, apoiando os colectivos máis vulnerables e os sectores produtivos máis afectados nesta crise".

Respecto das medidas expostas polo PP, Montero explica que requiren dunha análise máis profunda para estimar o seu impacto económico e orzamentario.

A ministra reitera que o Goberno "segue coa man tendida ao PP, como vén facendo desde o inicio da lexislatura, para chegar a acordos que favorezan a cidadanía e o conxunto do país".

A decisión de aceptar a tramitación como proxecto de lei adoptouse aínda que o Goberno dixera que non tiña sentido, xa que a duración das medidas era de só tres meses á espera de que a evolución dos acontecementos levase a que perdurasen algo máis no tempo.

O apoio de socios habituais do Goberno, como ERC, a este decreto aínda está no aire debido á polémica pola suposta espionaxe a dirixentes independentistas.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade