O futuro de Sergio Carreira decídese esta semana: "A primeira opción segue sendo o Celta"
O seu representante Juanfran Moreno asegurou no programa Ao Contraataque que o lateral ten moitas ofertas pero "o Celta valórao moito" e asegura que esta semana "haberá fumata branca"
Juanfran Moreno, representante de Sergio Carreira, pasou polo programa Ao Contraataque da Radio Galega para falar do futuro do seu representado. Juanfran asegurou que o lateral celeste ten ofertas de varios equipos da Liga e tamén doutros países (Grecia, Rusia e México), moitas delas superiores no ecónomico á que lle fixo o Real Club Celta.
Pero tamén recoñeceu que o Celta "valora moito" ao seu representado e que ten a proposta enriba da mesa. "Agora somos nós os que temos que decidir. Esta semana haberá fumata branca", confirmou Moreno. "Ademais do económico hai que ter en conta outras moitas cousas como é xogar na casa, xogar en Europa, no club da túa vida. O emocional conta moito", asegurou o representante. Todo iso terao que analizar Carreira e decidir nas vindeiras horas.