Publicador de contidos
Publicador de contidos

O Fórum Gastronómico pecha as súas portas coa celebración do I Concurso de Empanada Galega

O Fórum Gastronómico pecha as súas portas coa celebración do I Concurso de Empanada Galega

Os gañadores foron a empanada de xoubas do restaurante Salitre e unha empanada de vieira con emulsión de coral elaborada por dous alumnos da Escola Naval da Graña

G24.gal 09/04/2024 22:12 Última actualización 10/04/2024 08:32

O xurado tivo ocasión de degustar as máis variadas empanadas. Desde a doce con froitos do bosque ata a de churrasco con chimichurri ou as de produtos de temporada como a alcachofa ou as vieiras.

As propostas dos alumnos das escolas de hostalería foron as máis atrevidas en ingredientes e elaboracións. Ana e Andrea, da Escola de Hostalería paseo das Pontes da Coruña, presentan a súa, que ten a masa de curry amarelo con aceite infusionado con tomiño e o recheo é de polbo, grelos e queixo de Arzúa.

A proposta de Moraima e Lara, da Escola de Hostalería Álvaro Cunqueiro de Vigo: "Ten unha base de pemento á chama e por riba ten unha crema de pescada, e para que a empanada sexa de caldeirada botámoslle unha allada". 

Variedade de sabores tamén na categoría de profesionais da restauración e a panadería. Ás máis tradicionais do lacón con grelos ou as xoubas, sumáronse outras alternativas.  Diego Hernán, do Restaurante Central Park da Coruña, di que a súa proposta trata de recordar o valor tradicional da empanada de millo cunhas verduras asadas e afumadas a lume moi lento e logo cunhas zamburiñas negras de Ferrol.

Pola súa banda, Tino Otero, xefe de cociña de Casa de Amancio, describe: "Neste caso, empregamos a zorza de raza cachena con alga wakame de Portomuíños e ao mesmo tempo usamos unha fariña autóctona de trigo Callobre".

En total 17 empanadas competiron no primeiro concurso de empanada galega celebrado no Fórum Gastronómico, unha cita que nace coa idea de poñer en valor un dos pratos máis diversos da gastronomía tradicional.

"Estaba a perderse o que era a temporalidade do produto e agora coas novas xeracións de cociñeiros hai que aproveitar que estamos coas alcachofas e coa xarda e non facela de xouba cando non a hai. Todo iso está a cambiar, e a verdade que dá gusto", sinala Chisco Jiménez, organizador do concurso e membro do xurado.

Gonzalo Blanco, do restaurante Salitre, cunha empanada de xoubas, e Minerva e Miguel, da Escola Naval da Graña, cunha empanada de vieira de Ferrol con emulsión de coral, foron finalmente os gañadores do certame.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade
Pódeche interesar