Publicador de contidos
Publicador de contidos

O Fabril asalta o Vao no último minuto

O Fabril asalta o Vao no último minuto

O Coruxo gañou durante sesenta minutos e perdeu o partido nos últimos catro

G24.gal 20/04/2024 17:34 Última actualización 20/04/2024 19:31

O Deportivo Fabril conseguiu a vitoria nos últimos intres ante un Coruxo que xerou máis ocasións e parecía ter o partido controlado. Sería no desconto cando dous balóns centrados dos coruñeses poñerían en dificultades aos locais e conseguirían o premio da vitoria para os visitantes. 

Partido pelexado o de hoxe no Vao entre o Coruxo e o Fabril. Ambos equipos saíron ao terreo de xogo con descaro e buscando cada un as súas ocasións. Os locais terían máis, especialmente un cabezazo nun córner que sacou Ríos coa man esquerda. Despois chegaría o gol anulado ao Fabril tras unha gran falta que bateu no poste esquerdo da portería local e entrou empuxada por un dos xogadores que entraba, mais que estaba en posición antirregulamentaria.  Minutos máis tarde un centro pola banda dereita do Coruxo remataría no lado contrario, onde Mario recortaría cara ao interior e coa súa perna dereita puxo o balón na escuadra da portería visitante con toda a potencia. A piques do descanso tería outra o Coruxo para poñer o segundo no marcador tras un centro raso dende a esquerda, mais desta vez o balón non querería entrar.

Na segunda parte as ocasións foron a menos. O Fabril non conseguiu atopar a maneira de controlar o xogo para facer dano e o Coruxo estivo cómodo dominando o balón e xerando algo de perigo con conducións por banda. Aínda así a intensidade non decreceu, e ambos equipos mantiveron un ritmo alto de xogo moi competitivo. Contra os últimos dez minutos veríamos a ambos equipos buscar algo máis o premio do gol. Especialmente o Fabril buscaría igualar mediante centros laterais e xogadas a balón parado.  Así chegaría o gol do empate, nun centro que tras varios rebotes rematou no fondo da rede local. Cun procedemento semellante o Fabril acadaría a vitoria na última xogada do partido. Falta lateral sinxela para o porteiro do Coruxo que atrapa e, ao intentar salvala de saír a córner, remata soltando o balón que tras varios rebotes acaba nos pés de Álex Alfaro dándolle a vitoria ao Fabril.

Con este resultado o Fabril practicamente asegura a salvación con 40 puntos, soamente dous menos dun Coruxo que dependerá do Langreo para determinar a canta distancia queda dos postos de promoción de ascenso. 

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade
Pódeche interesar