O Ensino debuta con derrota na Liga Feminina
O Durán Maquinaria Ensino non puido comezar a Liga Feminina con vitoria e perdeu na pista do Zaragoza (68-63).
O encontro comezou cun grande acerto local (10-4), ao que respondeu o Ensino equilibrando o resultado (18-16). A defensa lucense foise asentando ata coller a dianteira no marcador a tres minutos de chegar ao descanso (24-27). Cando máis tocado parecía o Zaragoza logrou rematar o cuarto cun parcial de 11-0 (cinco puntos nos últimos dez segundos) e ir ao descanso cun 35-27.
No terceiro cuarto o equipo local soubo administrar a vantaxe e chegou a ter unha máxima diferenza de quince puntos (51-36). Nun bo comezo do último cuarto, o Ensino púxose a só sete puntos (57-50) con sete minutos por diante. Aguantou o conxunto local ese acoso e levou o triunfo por cinco puntos de diferenza (68-63). Blanca Millán, con 21 puntos, foi a máxima anotadora do encontro.