O empate no derbi da Malata non deixa satisfeito a ninguén
Houbo moita pelexa e ocasións contadas
Hai puntos que suman e outros que parecen restar. Nin o Rácing nin o Deportivo marcharon plenamente satisfeitos. O derbi do norte foi un partido rabudo: moito ruído e poucas noces. Pelexa constante, túa-miña, e ocasións contadas.
Óscar Cano: "Un partido parecido a un de playoff".
Un gol anulado a Héber Pena antes do lecer acendeu a chama da polémica. A imaxe clarexou dúbidas. Ata tres veces contactou o naronés co brazo no remate. Os racinguistas reclamaron unha man previa de Antoñito. Na segunda parte, o Rácing foi máis incisivo, pero o que se queixou foi o Deportivo, porque un roubo de Villares obrigou a Gazzaniga á parada da tarde e, de segundas, Arturo estragou un gol cantado. Para o final quedou a expulsión de Raúl, que se empregou a fondo para parar a Carlos Vicente. Táboas e os contendentes á caseta botando contas, cadaquén as súas.
Cristóbal: "Se competimos como hoxe, imos lograr os obxectivos".
O obxectivo da promoción téñena ambos á man, pero o do ascenso directo son palabras maiores, porque Alcorcón e Madrid Castela obrigan a unha operación de caza dobre contra o reloxo.