O Deportivo queda á beira da remonta en Anoeta (3-2)
A Real Sociedade adiantouse cun 3-0 contra a hora de xogo, pero os coruñeses non baixaron os brazos
Acurtou Soriano, e Yeremay meteu o 3-2 logo dun penalti que deixou con 10 aos donostiarras
Nos últimos minutos, os intentos do Deportivo toparon con Remiro
O Deportivo estivo preto de remontar un 3-0 en Anoeta, pero unha actuación colosal do porteiro nos últimos minutos deixo a media camiño aos coruñeses.
O Deportivo entrou mellor no partido, e del foron os primeiros achegamentos. Un balón en profundidade para Nsongo que rexeitou a defensa no último intre, e un lanzamento de Yeremay desde a esquerda que obrigou á estirada de Remiro. A primeira da Real levaba a signatura de Barrenetxea, que recibía na frontal e remataba ao lateral da rede. E a segunda, un córner sacado directamente a portería que tivo que blocar Leo Román. Mediada a primeira metade, unha acción persoal de Zakharyan remataba co seu pase da morte, salvada in extremis no corazón da área coruñesa por Ede.
Ía crecendo a Real, e un centro de Barrene desde a dereita tivo que sacalo a córner Villares, E desde o curruncho chegou o primeiro, cunha cabezada de Jon Martín desde o segundo pau lonxe do alcance de Leo Román.
Sen tempo para dixerir o golpe, so cinco minutos despois, os donostiarras ampliaban a renda. Foi nunha longa acción, cun envío desde a dereita ao corazón da área que lle acababa caendo a Zakharyan. O ruso, con sangue frío, remataba raso para subir o 2-0 ao marcador de Anoeta.
O Deportivo estaba tocado, pero puido meterse no partido pouco despois, nun envío a Yeremay que lle gañou as costas á defensa e asistiu a Luismi. Chegou Sarr de xeito milagreiro para sacar o seu remate a córner. E outra rápida contra do Deportivo culminouna Soriano cun remate desde a frontal, que marchou arriba. Preto do descanso, un centro de Luismi cabeceouno con moito perigo Giménez, pero Remiro sacouno a córner.
O Deportivo saiu moito mellor á volta do descanso, e pechou na súa área á Real. Pero, despois dun par de chegadas, unha caída de Luismi diante de Barrene que o árnitro non castigou, chegou unha contra que Guedes resolveu cun lategazo ao fondo da rede, o 3-0 que deixaba a mision moi complicada.
Pero o Deportivo non estaba disposto a baixar os brazos. E, nun rápido ataque xusto despois dun gol anulado á Real por fóra de xogo, Mario Soriano collía o balón na media lúa e marcaba o 3-1 cun disparo axustado ao pau. Volveuse botar arriba o Deportivo, e so cinco minutos despois o árbitro indicaba penalti de Pablo Marín sobre Nsongo Bil á saída dun córner e expulsaba ao donostiarra. Yeremay transformaba o penalti.
Púxolle cerco o Deportivo á portería da Real, e Remiro empregouse a tope para evitar o gol de Traoré, nunha acción que rematou en falta, e tamén nun remate de Yeremay que despexou a córner. E despois saíu de puños nun centro pechado, que a piques estivo de entrar en propia meta no rexeitamento.
Pero a Real agardaba a súa, e tívoa Oyarzábal nunha contra na que se chantou man a man diante de Leo Román. E o porteiro meteu unha man espectacular para negarlle o gol.
Era un partido de ida e volta, e o Deportivo acariñaba o empate, pero volvía topar con Remiro nun balón interior. E, no 90, un balón longo para Oyarzábal baixábao o campión do mundo e recibía a falta de Amatucci, que vía o cartón vermello na acción. Aínda o seguiu intentando o Deportivo, pero non foi quen de acadar o gol do empate no tempo engadido. Ao final, 3-2 en Anoeta.