Publicador de contidos

Publicador de contidos

O Deportivo perde en Elda a ocasión de engancharse á zona alta (2-0)

O Deportivo perde en Elda a ocasión de engancharse á zona alta (2-0)

Os coruñeses tiveron boas ocasións na primeira metade, pero desfixéronse na continuación

Un gol de penalti de Masca e outro de Javi Llabrés decidiron o choque en 8 minutos

Os coruñeses quedan a sete puntos do cadro alacantino, que marca o descenso

G24.gal 16/02/2025 18:18

O ilusionante Deportivo das últimas xornadas deu paso á decepción máis absoluta no partido ante o Eldense. Un encontro chave para definir obxectivos que acabou co triunfo dos locais por dous a cero. Un segundo tempo desastroso condenou os de Gilsanz.

Na primeira metade a posesión foi claramente dos coruñeses, con algunha opción ante a portería contraria por parte de Yeremay. O Eldense agardaba atrás e non concedía espazos. Espazos que si que atopou nalgunha contra. Víctor García estivo preto de inaugurar o marcador. Salvou Helton Leite no man a man. A mellor opción para o Deportivo chegou tras a enésima incursión de Obrador pola banda esquerda. Boa xogada do lateral e oportunidade para Yeremay. A resposta dos de Oltra chegou nunha das súas situacións favoritas en ataque. Un saque de banda, dificultades para despexar e potente disparo de Javi Llabrés que obtivo a gran resposta de Helton. O gardameta deportivista evitaba, xusto antes do descanso, o primeiro gol.

Tras o paso polos vestiarios mantívose o equilibrio. Ata que chegaron os intres decisivos do choque. Zakaria, cun gran disparo, rozou o gol no minuto 55. Pero o que debería ser o impulso para o resto do encontro quedou en nada, porque pouco despois, no 58, o árbitro indicaba penalti nunha acción entre Pablo Vázquez e Masca. Protestaron os deportivistas. De nada serviu, e o propio Masca transformaba a pena máxima.

O peor foi a sensación de impotencia do conxunto galego. Con máis de media hora por diante non deu sinais de vida en ataque. E menos aínda cando o Eldense logrou o segundo gol no minuto 65. Unha contra culminada por Javi Llabrés sentenciaba o encontro. Máis que polo resultado, polas sensacións. Algo que se confirmou no moito que quedaba por diante. Nin rastro dos futbolistas diferenciais do Deportivo. Un remate desviado de Barbero foi a única aproximación de certo perigo.

Moi pouco para un equipo que comezaba a ilusionar. O Eldense, que non gañaba na casa desde novembro, lograba os tres puntos con certa suficiencia. 

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade