O Deportivo non pode cun Barcelona letal e acaba goleado (1-5)
Os coruñeses foron quen de empatar a un e mantivéronse ata o descanso no partido
Na segunda metade chegou o hat trick de Raphinha pra sentenciar o choque
O Deportivo competiu contra o Barcelona, ata que o cadro blaugrana comezou a exhibir a súa pegada e fixo imposibles os intentos coruñeses.
O partido comezou de xeito trepidante. Adiantábase o Barcelona no primeiro achegamento á área de Leo Román. Foi cun pase de Lamine Yamal que deixou pasar Dani Olmo sorprendendo a todos. O balón remataba na rede. Era o 0-1 pero, xa no minuto seguinte, puido empatar Yeremay, cun man a man que lle sacou Joan García. O Deportivo fíxose co control e coas ocasións, e non tardou en igualar o partido. Foi aos nove minutos, cando Aubameyang pelexou por un balón, rouboullo a Cur¡barsí e definiu con calidade diante de Joa García. Empate a uns cando aínda non se xogaran 10 minutos. E, no trece, foi Nsongo Bil o que conectou unha boa cabezada, obrigando á estirada do porteiro.
Pero o Barcelona, sorprendido neses minutos, fíxose co balón a partir de aí. E volveuse adiantar antes do 20. Foi nunha incursión de Gordon pola esquerda, cun centro que cabeceou, desta vez si, Dani Olmo para anotar o 1-2.
O Barcelona aproveitou o seu momento e gozou doutro par de boas ocasións que desbaratou Leo Román con dous paradóns, a remates de Lamine e Raphinha. E despois, nun córner rematado a boca de xerro, volveu salvar o gardamenta aos seus sobre a mesma liña. No treito final chegou un remate moi cruzado de Raphinha desde a esquerda.
Á saída da caseta seguiu o control do Barcelona, que ampliou axiña a renda: centrou Lamine desde a dereita para que cabecease á rede Raphinha. 1-3. E o propio Lamine rematou pouco despois á rede, pero o gol quedaba anulado por fóra de xogo. No treito final chegou o cuarto, nun balón rexeitado que cazou na área Raphinha para marcar. O 1-4 era un castigo excesivo, e o Deportivo tyivo ocasións para maquealo, pero unha vaselina de Aubameyang quedou curta, e un remate de Zaka botouno a córner Joan García. E o Barcelona volveu exhibir a súa pegada para pechar a goleada. Foi co hat trick de Raphinha, outra vez asistido por Lamine Yamal. Ao final, 1-5, e o líder exhibe músculo en Riazor.