O Deportivo non era líder desde o 27 de febreiro de 2022
Con 50 puntos, os herculinos aproveitaron a picada da Ponferradina
Coa súa sétima vitoria consecutiva da tempada, o Deportivo logrou a primeira praza do grupo I de Primeira Federación, unha cota que non lograba desde o 27 de febreiro de 2022, é dicir, algo máis de dous anos despois.
Con 50 puntos, os herculinos souberon aproveitar a picada experimentada pola Ponferradina, que o sábado foi dobregada polo Fuenlabrada por 2-1 no estadio Fernando Torres.
A escuadra dirixida por Imanol Idiakez tivo que traballar moito o encontro ante un bo C. D. Lugo pero finalmente impuxo a súa calidade e pegada para pasar por encima da formación de Trashorras (4-1) e sumar tres novos puntos vitais. Despois de concluír a primeira volta a dez puntos da primeira praza, o Depor superouse na segunda.
A próxima fin de semana, a escuadra herculina deberá afrontar unha auténtica reválida en campo do segundo clasificado, un Nàstic que suma 49 puntos tras o seu triunfo no Espiñedo, só un menos que o novo líder.