O Deportivo, en postos de descenso a Segunda Federación por primeira vez na súa historia
Os de Idiakez suman unicamente oito puntos nas primeiras oito xornadas do grupo I da Primeira Federación
Por primeira vez na súa historia, o Deportivo ocupa postos de descenso a Segunda Federación, a cuarta categoría do fútbol español, despois de sumar unicamente oito puntos no primeiras oito xornadas do grupo I da Primeira Federación.
O único campión de Liga que non milita no fútbol profesional segue sen levantar o voo, castigado polas lesións de xogadores importantes no sistema de xogo de Imanol Idiakez e por unha fraxilidade impropia dun equipo que este verán reforzouse con xogadores con pasado en Primeira División.
Un gol onte á noite do exdeportivista Miku no tempo de prolongación permitiulle ao Arenteiro tombar ao Sestao River e durmir fóra da zona de descenso, á que caeu o Dépor a pesar de rescatar horas antes un punto fronte á Ponferrafida no Toralín.
Campión de Liga no 2000 e das Copas do Rey de 1995 e 2002, o conxunto deportivista é décimo sexto na clasificación con 8 puntos, cinco máis que o pechacancelas Tarazona e a nove do Nàstic, líder en solitario.
A próxima fin de semana o Deportivo volverá xogar a domicilio contra o Sabadell, outro dos equipos que pechou a oitava xornada en descenso. Ambos están separados por tan só un punto, así que un novo tropezo na Nova Creu Alta podería custarlle o posto ao técnico Imanol Idiákez, unha aposta persoal do novo director deportivo Fernando Soriano que, de momento, segue tendo a confianza dos dirixentes brancos e azuis.