Publicador de contidos

Publicador de contidos

O Deportivo cae con contundencia en Málaga (3-0) e perde a condición de invicto

O Deportivo cae con contundencia en Málaga (3-0) e perde a condición de invicto

O Málaga tivo unha gran contundencia, mentres aos dianteiros coruñeses non lles saiu nada

Zakaria fixo un gol que foi anulado por falta

O Deportivo perde por primeira vez e tamén deixa o liderado

G24.gal 12/10/2025 22:54

Dura derrota do Deportivo na Rosaleda, nun partido en que os malagueños golpearon con facilidade, mentres os coruñeses estragaban moitas ocasións e perdían por primeira vez na Liga, co que tamén deixan o liderado.

O partido comezou con aproximacións dos dous equipos. A do Deportivo, nas botas de Soriano. Pero o Málaga pegou primeiro. Aos oito minutos, unha gran xogada de Joaquín pola esquerda culmina cun centro ao segundo pau. En dous tempos rematou Chupe para abrir o marcador. Puido chegar o segundo no minuto 15 noutra xogada pola esquerda. O remate, desta volta de Larrubia, saíu por riba do traveseiro. 

A réplica correu a cargo de Zakaria, que se chantou no man a man con Herrero. O porteiro malaguista gañoulle o duelo. E, pouco despois, volvía empregase Herrero nun chut de Gragera cando se agardaba un centro. E outra vez Gragera, nun córner, tivo a máis clara, cunha cabezada que volveu rexeitar Herrero a córner.

Eran momentos de agobio por parte do Deportivo, que buscaba o empate desde os costados. Loureiro volvía probar a Herrero, que se empregaba a fondo. E o Deportivo forzaba o seu sétimo corner antes da media hora, nunha acción que se chequeou por unhas posibles mans. Non acabou en penalti.

Pero o que si ía chegar foi o segundo dos locais. Foi nunha acción illada, cando peor o estaban pasando os de Pellicer. Un erro defensivo do Deportivo fixo posible o pase entre os centrais para Chupe, que anotou osegundo da súa conta aos 32 minutos. Desta volta o Deportivo acusou o golpe, pero Soriano tivo o gol nas súas botas antes do descanso, cun disparo que repeleu o traveseiro. E tamén Zakaria na súa cabeza. Non puido precisar o remate.

A segunda metade comezaba co Deportivo atacando, e con Mario Soriano topando unha vez máis con Herrero, nunha acción en que os coruñeses pediron penalti por mans.

E, como acontecera na primeira metade, a primeira que tivo o Málaga converteuna no terceiro. Foi Rafa Rodríguez o que penetrou na área e marcou por baixo.

O 3-0 parecía a sentenza, pero Zakaria descontaba so dous minutos despois. Pero, tras consulta co VAR, o árbitro anulaba o tanto por unha brazada do dianteiro. O partido entrou nunha fase na que o Málaga buscaba adornar agoleada á contra a través de Larrubia, mentres o Deportivo gozaba tamén dalgunha acción clara, como un man a man de Stoichkov que lle sacou Herero co pé. Non era o día dos deportivistas, Mulattieri gozou doutra boa ocasión pero errou no remate.

Coa derrota, o Deportivo perde a condición de invicto e, con ela, o liderado da Segunda División.

 

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade
Pódeche interesar