O Deportivo adiántase dúas veces pero acaba cedendo o empate contra o Cádiz (2-2)
Os goles madrugadores de Mella e Villares non tiveron o premio da vitoria
Un gol de Tabatadze no 85' significa a 4ª xornada consecutiva sen gañar
O Deportivo cedeu un empate en Riazor diante do Cádiz, nun partido en que se adiantou por dúas veces, pero acabou recibindo o 2-2 no minuto 85.
O partido comezou co Deportivo máis enchufado, mandando na posesión e achegándose á área gaditana coas dúas incorporacións do mercado invernal no once titular: Ferllo na portería, e Alti no lateral. E axiña acadou os seus froitos. Mella abría o marcador aos sete minutos cun remate cruzado desde a esquerda que bateu nun defensor e acabou na rede.
O gol non mudou a decoración, e Yeremay volveu probar sorte pouco despois, pero detívolla Víctor. E o canario tivo outra clara no 16, pero non foi quen de atinar co remate.
No minuto 22, o Cádiz ía igualar o marcador nunha acción a balón parado, unha boa combinación a saque dunha falta que culminaba Jorge More cun potente remate. Pero, so tres minutos despois, Villares volvía adiantar aos coruñeses cun remate desde a frontal que batía outra vez en More e acababa na porta de Víctor Aznar.
Coa vantaxe, o Deportivo agardou pola súa, e chegoulle á saída dun córner, cun remate de Loureiro que sacou co pé Víctor de xeito impresionante.
Na segunda metade, Stoichkov buscou tamén o terceiro, pero volveuno sacar o porteiro con outro paradón. E respondía Álvaro, cun gran movemento que rematou arriba. O partido comezou a ser de ida e volta, e os dous equipos pisaban a área rival. Un remate de Soriano volveuno rexeitar, pero desta vez a córner, Jorge More. E na réplica, xa no minuto 85, chegou o empate a 2. Foi nun pase cara a Tabatadze, que marchou de Barcia e rematou cruzado con potencia, lonxe do alcance de Ferllo.
O empate significa a cuarta xornada consecutiva sen gañar do Deportivo despois de tres derrotas. O Cädiz segue a dous puntos, axexando o quinto posto dos coruñeses.