Publicador de contidos

Publicador de contidos

O coordinador nacional de Podemos Galicia di que haberá candidatura de unidade con Sumar en todo o estado

O coordinador nacional de Podemos Galicia di que haberá candidatura de unidade con Sumar en todo o estado

Borja San Ramón confía en que a dirección do seu partido, tras o aval da militancia, peche un pacto co equipo de Yolanda Díaz e o resto de forzas progresistas para ir xuntos ás xerais

Borja San Ramón, coordinador nacional de Podemos Galicia (EFE/Lavandeira jr)
G24.gal 09/06/2023 09:33

O coordinador nacional de Podemos Galicia, Borja San Ramón, amósase optimista e confía en que ao longo de hoxe a súa formación chegue a un pacto con Sumar para concorrer xuntos ás eleccións xerais do 23 de xullo. 

"Non contemplo outro escenario que non sexa o dun acordo. Levamos todo a semana en comunicación coa dirección federal e teño a convicción e a confianza plena, en Ione Belara e en Lilith Verstringe, para que pechen o mellor acordo posible para traballar e poñernos a facer campaña xa cunha candidatura de unidade". 

Borja San Ramón enmarca dentro da normalidade a consulta convocada por Podemos á militancia, en que a dirección pide carta branca para decidir se se alía ou non con Sumar. Destaca que todos os acordos deben ser refrendados polas bases e sinala que a premura dos tempos obriga a facelo deste xeito

"O que se quería poñer enriba da mesa da consulta era un acordo para validar pero como chegamos ao último día pendentes de pechar detalles sobre un posible acordo con Sumar e o resto de forzas, tense que pechar así", apunta. 

O líder de Podemos en Galicia rexeita a posibilidade de que a súa formación se presente en Valencia por separado despois das súas discrepancias con Compromís e no resto do Estado nunha candidatura de unidade con Sumar. 

"Durante os últimos días saíron moitas cousas sobre a negociación e é normal pero o obxectivo final é conseguir unha candidatura unitaria e non nos imos distraer noutro tipo de cousas. Vai haber candidatura unitaria en todo o estado", asegura. 

Ao preguntarlle sobre un posible veto a Irene Montero por parte de Sumar e doutras forzas para evitar que a ministra de Igualdade encabece as listas, San Ramón di que "centrarnos agora no que nos diferencia non serve de nada para conseguir o obxectivo final que é saír hoxe a facer campaña xa cunha candidatura unitaria", e sinala que "os nomes son secundarios"

Evita pronunciarse sobre se Montero debe ou non ir nas candidaturas e destaca que "é unha gran dirixente política. Non porque sexa unha das voceiras da miña organización, senón polo seu traballo en avances sociais e feministas". 

O líder de Podemos Galicia, que mantén unha boa relación con Yolanda Díaz, non quixo falar de posibles candidaturas de Sumar na nosa comunidade se finalmente a súa organización concorre nunha candidatura de unidade. Con todo, di que "Podemos Galicia sempre está á disposición de crear candidaturas máis amplas e sempre estamos dispostos a falar con todo o mundo". 

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade