O Consello de Seguridade da ONU aborda a operación dos EUA en Venezuela
Colombia foi a impulsora da convocatoria da xuntanza e a proposta foi apoiada oficialmente por Rusia e a China, membros permanentes do Consello de Seguridade
A reunión será este luns ás 10:00 hora de Nova York (15:00 GMT), segundo o programa oficial de reunións do Consello de Seguridade da ONU
Xuntanza do Consello de Seguridade da ONU. Foto: ONU-Loey Felipe
O Consello de Seguridade da ONU vaise reunir de urxencia o vindeiro luns tras o ataque aéreo dos EUA contra Venezuela este sábado e a captura do presidente venezolano, Nicolás Maduro, e da súa esposa, a deputada Cilia Flores.
Colombia foi a impulsora da convocatoria da xuntanza e a proposta foi apoiada oficialmente por Rusia e a China, membros permanentes do Consello de Seguridade. A presidencia rotatoria do Consello, que este mes de xaneiro corresponde a Somalia, aprobou a convocatoria.
A reunión será este luns ás 10:00 hora de Nova York (15:00 GMT), segundo o programa oficial de reunións do Consello de Seguridade da ONU. A xuntanza está catalogada como unha discusión sobre ameazas á paz e a seguridade internacionais (Threats to international peace and security).
O propio Goberno venezolano solicitara unha reunión do Consello de Seguridade tras os ataques, que afectaron a infraestruturas civís e militares e cobraron a vida de persoas na capital e os estados próximos da Guaira, Miranda e Aragua, aínda que non precisou máis detalles respecto diso.
"Esta é unha guerra colonial cuxo obxectivo é destruír a nosa forma de goberno republicana, elixida libremente polo noso pobo, e impoñer un goberno monicreque que permita o saqueo dos nosos recursos naturais, incluídas as maiores reservas de petróleo do mundo", escribiu o embaixador de Venezuela ante a ONU, Samuel Moncada, ao Consello de Seguridade da ONU este sábado.
Desde Nacións Unidas, un portavoz do secretario xeral da ONU, António Guterres, e desde un artigo na web da ONU, aseguran que a acción militar constitúe "un precedente perigoso".
O presidente dos Estados Unidos, Donald Trump, confirmou este sábado que o seu país levou a cabo "con éxito un ataque a grande escala" en chan venezolano e que Maduro e Flores foron "capturados e sacados do país".
Posteriormente, Maduro descendeu esposado do avión militar Boeing 757 que o trasladou a Nova York no medio do amplo operativo de custodia que o acompaña.
Ao mandatario venezolano levárono á Base da Garda Nacional Aérea de Stewart, un aeroporto militar no norte de Nova York, onde decenas de axentes de distintas axencias federais, como o FBI ou a Administración de Control de Drogas (DEA) o estaban esperando.
O secretario xeral da ONU, António Guterres, asegurou que está profundamente alarmado pola recente escalada en Venezuela, o que podería ter "preocupantes implicacións para a rexión".
Guterres dixo que os acontecementos constitúen "un precedente perigoso", subliñou "a importancia do pleno respecto —por parte de todos— do dereito internacional, incluída a Carta das Nacións Unidas" e pediu ás partes "establecer un diálogo inclusivo, con pleno respecto aos dereitos humanos e ao Estado de dereito".
El Secretario General @antonioguterres expresó profunda alarma por la escalada en Venezuela, que culminó hoy con una acción militar de Estados Unidos.
— Naciones Unidas (@ONU_es) January 3, 2026
Le preocupa que no se haya respetado el derecho internacional.
Hace un llamado a todos los actores en Venezuela a entablar un… https://t.co/btRZVPs2zc
Paz e Seguridade
O Consello de Seguridade, segundo explica a web da ONU, "ten a responsabilidade primordial de manter a paz e a seguridade internacionais. O Consello de Seguridade ten 15 membros e cada membro ten un voto. De acordo coa Carta, todos os membros da ONU conveñen en aceptar e cumprir as decisións do Consello de Seguridade. Este é o único órgano da ONU cuxas decisións os Estados membros, conforme á Carta, están obrigados a cumprir.
Cando se lle presenta unha controversia, a primeira medida do Consello é xeralmente recomendar ás partes que cheguen a un acordo por medios pacíficos. Pode impoñer embargos ou sancións económicas, ou autorizar o uso da forza para facer cumprir os mandatos."
Este mes de xaneiro o Consello de Seguridade da ONU está presidido por Somalia, en febreiro por Gran Bretaña e en marzo polos Estados Unidos. Seguiranlle Bahrain, a China, Colombia, República Democrática do Congo, Dinamarca, Francia, Grecia, Letonia e, por último en decembro de 2026, Liberia.