O conselleiro de Economía pide medidas a curto prazo ante o custo da enerxía
Francisco Conde destaca o papel que empresas como Repsol deben ter na transición enerxética
O vicepresidente primeiro e conselleiro de Economía, Industria e Innovación, Francisco Conde, demandou ao Goberno novas medidas a "curto prazo" ante o custo da enerxía.
Foi durante unha visita á refinería de Repsol na Coruña. Alí destacou o papel que empresas como esta deben ter no ámbito da transición enerxética.
"Necesitamos medidas a curto prazo", dixo o titular de Economía para quen, ata o de agora, houbo "medidas parciais, positivas, pero parciais".
Por outra banda, cualificou a empresas como Repsol de "actor principal" ante a transición enerxética, en liña co manifestado tamén por Luís Cabra, director xeral de Transición Enerxética de Repsol, quen trasladou o "compromiso" da compañía neste sentido.
"O mundo necesita estar descarbonizado para que poida seguir movéndose sen comprometer a seguridade do planeta", dixo Cabra.
Xa en relación á visita, o conselleiro destacou o labor de Repsol no ámbito dos biocombustibles, "máis do 10 % do que hoxe xera ten esa procedencia bio", lembrou, ou no desenvolvemento do "hidróxeno renovable".
Ademais, resaltou a colaboración coa compañía nesta materia, como fixo tamén o presidente do porto coruñés.
A preguntas dos xornalistas sobre o proxecto para construír no porto exterior da Coruña a primeira plataforma eólica mariña experimental de Galicia, Conde reiterou que o obxectivo é que a comunidade galega se converta en líder neste ámbito.
"Galicia quere que na transición enerxética a eólica mariña sexa un dos vectores", engadiu.
Por iso, cualificou de "importante" esta iniciativa para "posicionar" a comunidade autónoma no desenvolvemento de proxectos industriais vinculados tamén á innovación.