O Congreso reproba a Óscar Puente por segunda vez en sete meses
A Cámara Baixa censurou o ministro pola atención recibida nas estacións de tren durante o apagamento e tamén polo roubo de cable na liña entre Madrid e Andalucía
A reprobación proposta polo PP saíu adiante pola abstención de Junts e de Podemos

O pleno do Congreso do Deputados aprobou este martes a reprobación do ministro de Transportes Óscar Puente pola atención que recibiron os cidadáns nas estacións de tren o pasado 28 de abril durante o apagamento eléctrico e o 5 de maio polos atrasos e a parada de convois como consecuencia do roubo de cable na liña de alta velocidade Madrid-Andalucía.
O PP só conseguiu o apoio de Vox, pero a abstención de Junts e Podemos permitiulle sacar adiante a súa iniciativa por 170 votos a favor, 163 en contra e 13 abstencións.
O deputado de Junts Isidre Gavin afirmou que non se poden pedir responsabilidades a Renfe ou Adif por un problema de subministración eléctrica e criticou que o PP utilice este asunto como instrumento de desgaste político, sobre todo tendo en conta que cando gobernaba non fixo nada do que pide agora.
Tamén a parlamentaria de ERC Inés Granollers lamentou o espectáculo de cinismo e frivolidade do PP, que pretende utilizar o sufrimento dos que teñen que coller todos os días un tren para provocar crispación.
Na mesma liña, a representante do PNV Nerea Renteria dixo que instrumentalizar coa reprobación persoal do ministro non é a solución aos problemas do sistema ferroviario e que a crispación non é a forma de actuar do seu grupo.
Segunda reprobación de Óscar Puente
En outubro de 2024, un mes despois de ser reprobado polo Senado, o PP conseguiu a reprobación de Puente no Congreso, co apoio de Vox, Junts, ERC e Podemos, pola súa incapacidade para liquidar o caos ferroviario.
Naquela moción, o pleno do Congreso instaba o Goberno a elaborar, no prazo dun mes, un plan de choque extraordinario e dotalo cos recursos necesarios para paliar a curto e medio prazo a situación. Tamén lle pedía que redactase un plan de atención urxente aos pasaxeiros para incidencias extraordinarias, tanto nas estacións como nos traxectos dos trens, incluídos os tempos de reacción desde o momento da incidencia.
O PP denunciou que, sete meses despois, todo iso foi absolutamente ignorado polo ministro e na súa proposición non de lei deste martes volveuno a instar a que elabore de maneira inmediata os dous plans e mais un plan nacional de resiliencia ferroviaria.
O socialista César Ramos considerou razoables estas peticións á vez que lamentou que o PP non fose capaz de retirar o punto da reprobación. Ramos argumentou que o sistema ferroviario está a sufrir a falta de investimentos de cando gobernaba o PP e que os resultados dos investimentos récord que está a executar o Goberno de Pedro Sánchez se notarán dentro duns anos.
Para Félix Alonso de Sumar, a resposta do Ministerio de Transportes o día do apagamento non foi perfecta, pero houbo moito esforzo, priorizouse os pasaxeiros vulnerables, repartiuse auga e o persoal traballou sen descanso, subliñou.
Alonso coincidiu en que o PP só presentou esta iniciativa para atacar o Goberno, porque non lle importan os pasaxeiros afectados, como xa demostraron cando gobernaban.
Na súa intervención, o deputado do PP e autor da iniciativa José Vicente Mari pediu a dimisión do "ministro tuitero" Óscar Puente pola súa incapacidade manifesta e a súa soberbia, por non atender o mandato do Congreso e porque no seu departamento hai unha falta de planificación que asusta.
Pola súa banda, Vox tentou sen éxito emendar o texto do PP.