Publicador de contidos

Publicador de contidos

O Congreso do Perú destitúe a Dina Boluarte e nomea a José Jerí presidente interino

O Congreso do Perú destitúe a Dina Boluarte e nomea a José Jerí presidente interino

Faino ante a súa incapacidade de combater a inseguridade cidadá e o crime organizado

José Jerí asume o cargo co obxectivo de instalar e dirixir un goberno de transición, de empatía e de reconciliación nacional

José Jerí prometendo o cargo de presidente interino (REUTERS / Angela Ponce) José Jerí prometendo o cargo de presidente interino (REUTERS / Angela Ponce)
G24.gal 10/10/2025 08:28

O Congreso do Perú destituíu este xoves pola noite de maneira exprés a presidenta Dina Boluarte, por mor da súa "permanente incapacidade moral" para afrontar a crecente inseguridade cidadá e o auxe do crime organizado. A destitución prodúcese cando faltan apenas seis meses para as eleccións xerais de 2026. José Jerí asumiu a presidencia de xeito interino cun obxectivo: empezar a construír as bases de reconciliación no país.

O Lexislativo peruano aprobou as catro mocións para sacar a Boluarte do poder con 122 votos a favor dun total de 130, unha cifra moi superior aos 87 que se requirían para que a iniciativa fose exitosa, nunha sesión en que a mandataria non se presentou ante o hemiciclo para exercer a súa defensa.

A primeira presidenta muller de Perú terminou así un mandato de dous anos e dez meses desde que a finais de 2022 asumira a Presidencia para suceder o esquerdista Pedro Castillo (2021-2022), do que era vicepresidenta, e se mantivese no poder grazas ao apoio dun grupo de forzas de dereita que controlan o Congreso e que agora promoveron e apoiaron a súa saída.

O proxecto de lei de destitución lido antes da votación do Congreso sinalou que se declara a permanente incapacidade moral da presidenta da República e a aplicación do réxime de sucesión establecido na Constitución peruana.

Esa sucesión indica que, ao non ter Boluarte vicepresidentes, asume a xefatura do Estado o presidente do Congreso, cargo que exerce actualmente o dereitista José Jerí.

O proceso contra Boluarte

O proceso contra Boluarte foi irreversible despois de recibir o apoio dos partidos de dereita que ata o de agora a sostiñan no poder. Todas as mocións de destitución presentadas contra ela foron aceptadas por non menos de 113 votos.

Entre os promotores do proceso de destitución houbo varios partidos que apoiaron a mandataria pero teñen líderes con aspiracións presidenciais, como o do ultraconservador Renovación Popular de Rafael López Aliaga, o alcalde de Lima, e o do dereitista Podemos Perú do empresario José Luna.

No transcurso da xornada acumuláronse de maneira repentina e sen aviso previo ata catro mocións de destitución contra Boluarte, que quedou soa sen o apoio dos socios que lle permitiron gobernar desde hai case tres anos a cambio de abandonar o proxecto político do seu predecesor, o esquerdista Pedro Castillo (2021-2022), quen protagonizou un errado intento de golpe de Estado fronte a unha posible destitución.

Boluarte deixa o cargo como a presidenta máis impopular de Latinoamérica, cunha aprobación de apenas un 3 % segundo varias enquisas, debido ás máis de 50 mortes durante a represión das protestas que pedían novas eleccións tras a destitución e encarceramento de Castillo e numerosas investigacións por presunta corrupción.

José Jerí, presidente interino

 O presidente do Congreso de Perú, o dereitista José Jerí, asumiu este venres de madrugada o cargo de presidente interino do país tras a destitución repentina da presidenta Dina Boluarte por unha ampla maioría.

Permancerá no cargo ata as próximas eleccións xerais convocadas para abril de 2026. A Constitución peruana prevé que no caso de que o presidente ou presidenta non dispoña de vicepresidentes, como sucede con Boluarte, asuma esta reponsabilidade o presidente da Cámara.

No seu primeiro discurso, Jerí prometeu empezar a construír as bases da reconciliación do país, que atravesa unha crise constante que parece non ter fin.

"Hoxe sumo con humildade a Presidencia da República por sucesión constitucional para instalar e dirixir un goberno de transición, de empatía e de reconciliación nacional de ampla base, para o cal temos que construír xuntos acordos mínimos", afirmou Jerí nas súas primeiras palabras como xefe de Estado.

O ata o de agora presidente do Congreso agregou que Perú atravesa unha crise política constante que parecese non ter fin, con institucións debilitadas, unha cidadanía cansa e irmáns de todos os recunchos do país e de todas as xeracións que claman atención do Estado. 

Jerí converteuse no sétimo mandatario do Perú desde 2016, tras Pedro Pablo Kuczynski (2016-2018), Martín Vizcarra (2018-2020), Manuel Merino (2020-2020), Francisco Sagasti (2020-2021) e Pedro Castillo (2021-2022), ademais de Boluarte. 

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade