O Goberno defende uns presupostos "indispensables para a recuperación"
O Congreso debate sete emendas á totalidade aos orzamentos que serán rexeitadas
A oposición cre que as contas se basean en previsións de crecemento irreais
O Congreso dos Deputados debate as sete peticións de devolución dos presupostos xerais do Estado.
Unha delas é a do PP, que pide devolver as contas por insensibles e radicais, por estar pactadas con Bildu a cambio de presos e con Esquerra a cambio de indultos e por estar construídas desde o tellado do gasto e sobre previsións falsas.
"É un presuposto que nace morto, é o seu canto do cisne, o seu derradeiro presuposto, que ninguén cre", dixo Pablo Casado.
O Goberno rebate a crítica coas cifras da suba do emprego e da recadación, e lamenta o intento do PP por receitar, dixo Montero, a volta á austeridade.
Segundo a ministra de Facenda, "votar non a estes presupostos significa votar non á saída da pandemia, votar non a que os mozos teñan máis oportunidades e vostedes nin están nin se lles espera".
Para VOX os presupostos son papel mollado que disparan o gasto público a custa das xeracións futuras. Iván Espinosa de los Monteros dirixiuse áos mozos para advertilos de que "os vosos gobernantes estanvos arruinando o futuro".
Junts per Cat defendeu a súa emenda á totalidade, cun dardo a Esquerra incluído. A deputada Míriam Nogueras lamentaba que se vendese "como un gran logro que intentaremos negociar un pouquiño de catalán en Netflix. Humíllannos e engánannos, e fano ano tras ano".
O BNG non está satisfeito coas contas pero non pide a devolución porque "en canto a investimento territorializado representa un punto de partida lixeiramente, so lixeiramente mellor que o dos presupostos de 2021".
As sete emendas á totalidade seguirán debaténdose este xoves sen que ningunha teña apoios abondo para prosperar.